Biografía
Xosé Luís Méndez Ferrín nace o 7 de agosto de 1938 en Ourense, onde reside na infancia con algunhas estancias en Celanova. Na súa cidade natal fai o seu primeiro curso de bacharelato, e trasládase en 1949 coa súa familia a Pontevedra onde termina os seus estudos de grao medio. Un ano máis tarde comeza a espertar o seu interese na política, a cal marcaralle o seu afán nacionalista.
No ano 1955 trasládase coa súa familia a Vigo. Abandona esta cidade para estudar Filosofía e Letras na universidade de Santiago de Compostela, tendo alí contacto co galeguismo cultural vencellado á Editorial Galaxia e á figura de Ramón Piñeiro.
En 1956 obtivo o seu primeiro premio de poesía nas Festas Minervais de Santiago. En 1957 foi a Madrid, onde segue mantendo un estreito contacto co galeguismo, e tres anos despois licénciase en Filoloxía Románica. En 1961 segue un curso de cultura inglesa na universidade de Oxford, e entre os anos 1963 e 1965 realiza varias viaxes por Europa.
Despois de facer o servizo militar en Canarias; de 1962 ata 1964 exerce de profesor en Lugo no colexio Fingoy ata que en 1965 obtén a cátedra de Lengua y Literatura Española no instituto Santa Irene de Vigo, cidade onde se instala. No ano 2008 xubílase e abandona a docencia.
Actualmente é columnista no xornal Faro de Vigo e dirixe a revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro. Ferrín é membro da Real Academia Galega, neste momento o seu Presidente, e doutor Honoris Causa pola universidade de Vigo.
Bibliografía
Poemarios:
Vocé na néboa (1957). Sete poemas que deben adscribirse, tanto polo ton como pola temática, na poesía existencialista que caracteriza a “Escola da Tebra”.
Antoloxía Popular (1972). Baixo o pseudónimo de “Heriberto Bens”, é un poemario de vocación e mensaxe socio-política en clave independentista e revolucionaria.
Sirventés pola destrucción de Occitania (1975)
Con pólvora e magnolias (1976). Sen abandonar o discurso e a reivindicación político-social, dá un pulo cualitativo coa introdución de elementos estéticos e formais novidosos.
Poesía enteira de Heriberto Bens (1980). Recompila os textos de Antoloxía popular máis o poema longo “Sirventés pola destrucción de Occitania”.
O fin dun canto (1982). Contén poemas intimistas, composicións de reflexión sobre a vida, poemas evocativos de persoas e cidades..., estruturados en tres partes.
Erótica (1992)
Estirpe (1994). Procura as raíces do noso pasado prehistórico e actúa ao xeito pondaliano, depositando a súa mensaxe en diferentes elementos naturais e simbólicos.
Contra Maquieiro (2005). Premio Losada Diéguez.
Narrativa:
Percival e outras historias (1958). Catorce contos caracterizados pola creación dun clima de misterio que chega a desembocar no terror, polo emprego de topónimos e antropónimos de resonancias nórdicas e orientais, pola mistura de elementos míticos e obxectos cotiáns e pola presenza do mundo lendario celta.
O crepúsculo e as formigas (1961). Relatos que se desenvolven nun ambiente urbano cheo de sordidez e poboado por personaxes patolóxicas e marxinais. Abordan temas como a violencia, a morte, o medo, os conflitos políticos..., nun realismo cru, case naturalista.
Arrabaldo do norte (1964). Seguindo a técnica obxectivista do nouveau roman francés: un personaxe anónimo á procura dun obxectivo impreciso nunha cidade inominada... Abundan as descricións demoradas dunha xeografía urbana desolada e despoboada.
Retorno a Tagen Ata (1971). Alegoría de política-ficción onde se explica a aparición do nacionalismo revolucionario galego dos 70 e a súa ruptura co culturalismo piñeirista, a loita entre as maneiras de interpretar o nacionalismo.
Elipsis e outras sombras (1974). Conxunto de relatos que constitúen unha visión aterradora da violencia institucional contra os rebeldes e os inconformistas.
Antón e os inocentes (1976). De ambiente urbano e protagonizada por un mozo e unha moza, ambos estudantes, que retrata en certo xeito a mocidade dos anos 50. Novela de aprendizaxe, tinxida de autobiografismo, onde os protagonistas perden a inocencia e enfróntanse á realidade do mal e da inxustiza.
Crónica de Nós (1980). Conxunto de oito relatos que abordan o mundo das guerrillas dos anos 40, o ambiente universitario compostelano do tardofranquismo, o universo interno da UPG, etc.
Amor de Artur (1982). Cinco narracións que recrean os mitos bretóns ou artúricos.
Arnoia, Arnoia (1985). Relato longo que narra as aventuras dun adolescente de dezasete anos, que desexa regresar á súa terra e para iso debe pasar unha serie de probas.
Bretaña Esmeraldina (1987). O protagonista, Amaury, vive nunha cadea política na que se erguen tamén os muros da cadea psicolóxica e as reixas da cadea literaria.
Arraianos (1991). Ollada e a imaxinación sobre un territorio, nas concas do Limia e do Arnoia, contra as serras do Xurés.
No ventre do silencio (1999). Recupera a historia dunha xeración de universitarios composteláns dominado polo espírito mediocre, fanático e atafegante do nacional-catolicismo franquista.
Fría Hortensia e outros contos (1999). As súa historias proceden do mundo da Raia, espazo fronteirizo entre Galicia e Portugal, habitado por criaturas misteriosas e primitivas, persoas trasgresoras, que viven nun espazo mítico xerador de conflitos.
Outros xéneros:
De Pondal a Novoneyra (1984). Ensaio literario que ofrece unha panorámica da poesía galega desde o bardo do Rexurdimento ata o poeta do Courel.
Conversas con Xosé Luís Méndez Ferrín.
A nova narrativa galega
A chamada “Nova Narrativa Galega” é un conxunto de obras editadas entre fins dos 50 e comezos dos 70 que inauguran un novo xeito de narrar. A introdución de novidades técnicas e temáticas patentizan a continuación da renovación narrativa que xa se iniciara co Grupo Nós, aínda que as liñas anovadoras seguidas poidan contraporse, ás veces, con outras fórmulas novedosas contemporáneas (a recreación do canto tradicional oral e popular, a novela fantasiosa ao xeito de Cunqueiro…)
A NNG supón a asimilación consciente dunha serie de técnicas, temas e procesos fondamente renovadores utilizados na narrativa universal do século XX. De aí a influencia de James Joyce e o emprego da técnica do monólogo interior, o mundo impreciso kakfkiano sen fronteiras entre o real e o soñado ou a incorporación da experimentación con técnicas cinematográficas de Jhon Dos Passos.
Os autores da NNG reflicten nas súas obras a sociedade alienante e insegura da ditadura franquista a través do desequilibrio e illamento que caracterizan os seus personaxes. Por outra banda, transmiten unha visión desacougante da realidade, valéndose das manifestacións e da recreación de mitos e lendas. As novelas abordan temas como o da a vida deshumanizada nas cidades, destacando o predominio dos espazos novelescos urbanos onde existe unha recorrente apelación a mundos absurdos, fantásticos, irracionais,…
A novela da NNG xa non ten como obxectivo primordial contar unha historia interesante para entreter o autor, senón que agora existe un lector competente activo disposto a afrontar todo tipo de dificultades que lle formula a lectura. A condición dun lector competente derivado da dificultade técnica e temática destas novelas, vai derivar nun escaso éxito comercial.
Xorden novos temas, como os filosóficos e simbólicos, plasmando á súa vez enormes frustracións, angurias e desacougos da sociedade contemporánea.
Con respecto ao plano formal, é unha novela en constante proceso de renovación técnica, utilizando tamén recursos doutras artes como no cinema, a pintura e o cómic.
Fronte ao narrador omnisciente e aos personaxes como simples monicreques da novela clásica; na novela moderna a omnisciencia vai ser destruída, limitándose a contar o que observa, adoptando, en ocasións, un ton biográfico que deriva no uso da primeira persoa en vez da tradicionalmente terceira.
Tamén haberá un cambio no enfoque que pasará a ser múltiple, dando vida aos personaxes e contribuíndo a dar outras perspectivas da realidade. Normalmente nas novelas contemporáneas os protagonistas acostuman ser individuos insignificantes e sempre conflitivos, desarraigados, solitarios, moi lonxe do heroe das novelas clásicas.
Fronte a preferencia na narrativa do XIX polo tempo lineal, na narrativa contemporánea anúlase o sentido durativo, redúcese ao máximo o tempo, rexéitase a cronoloxía lineal e dáse entrada á cronoloxía vital.
En resumo, a Nova Narrativa Galega presenta os seguintes trazos: fuxida da localización concreta dos espazos, pluralidade de voces narrativas, creación de mundos literarios artificiais e enigmáticos, presenza reiterada da violencia e da tensión nas relacións humanas e, por último, a práctica da intertextualidade con abundantes referencias literarias e culturais.
Podes visitar tamén o encontro dos alumnos co autor: Encontro con Méndez Ferrín no Verbum
No hay comentarios:
Publicar un comentario