@s alumn@s de 2º de bacharelato participaron no Club de Lectura do VERBUM (Casa das Palabras). A actividade partiu dun traballo previo: lectura da obra Retorno a Tagen Ata e análise crítica da obra na clase; centrámonos, tendo en conta as orientacións do Museo, na análise histórica da época na que foi escrita a obra, a análise particular e o trazado de posibles paralelismos de espazos e personaxes coa realidade galega e a busca de personaxes identificatorios. Posteriormente, realizouse, no Verbum, un encontro con Xosé Luís Méndez Ferrín no que puidemos dialogar co escritor e visitar a exposición BRAIS PINTO.
O martes 26 de outubro, o curso de 2º de bacharelato do instituto Pedro Floriani, xunto con alumnos doutros centros, participou nun obradoiro en Vigo no que tiveron a oportunidade de ver e falar con Xosé Luís Méndez Ferrín, político e escritor galego coñecido por ser un dos grandes referentes da nosa literatura e presidente da Real Academia Galega.
Durante o tempo que durou o obradoiro o ambiente estivo moi relaxado e Ferrín mostrouse moi amable e simpático ao responder as nosas dúbidas a pesar da súa fama de home con carácter forte.
Ao comezo as nosas preguntas ían encamiñadas cara á obra Retorno a Tagen Ata e sobre a posible identidade real das personaxes ficticias que nela se encontran, ademais do porqué da súa estrutura circular. Cara ao final, as cuestións dirixíronse cara ao marco político, onde Ferrín falou sen apuro sobre a súa opinión do decreto de plurilingüismo da Xunta, que tanta polémica desatou, sobre a situación actual de galego ou sobre o seu pensamento independentista, entre outros temas.
Ao final do obradoiro, Méndez Ferrín prestouse a asinar amablemente numerosos exemplares do seu libro, que os alumnos levaramos con ese propósito, chegando a dicir as seguintes palabras: “Estou asinando máis ca un ministro”, deixando patente o seu sentido de humor.
Para saber máis sobre o autor visita a biblio-biografía de X. L. Méndez Ferrín...
Máis fotos do encontro:
No hay comentarios:
Publicar un comentario