CHARLAS FILOSÓFICAS "A luz" 4: Narrativa

4ª Sesión: Alicia no país das marabillas
-Por que camiño debo ir?
-Onde queres ir?
-Non o sei.
-Entón dá igual por que camiño vaias...

A charla de hoxe preséntana Ana e María e está dedicada á luz como símbolo na narrativa. Tomaremos como exemplo Alicia no país das marabillas.
Como xa vemos no cartaz, en Alicia hai unha contraposición entre a luz do exterior do burato e a escuridade de dentro. Lewis Carroll, o autor, era un matemático e filósofo e usou esta simboloxía para representar un cambio de lóxica: da lóxica da luz, o día e a vixía á lóxica da escuridade, a noite e o soño.Este cambio de lóxica permite establecer conexións entre ideas e imaxes que doutro xeito parecerían soamente absurdas ou incongruentes e que agora dan unha sensación inquedante de normalidade e evidencia.
Un soño
María explícanos o tipo de asociacións e saltos dunha idea a outra que son válidos para Alicia desde que entra no burato. Uns personaxes ou obxectos poden transformarse noutros; un bebé, por exemplo, pode converterse nun porco ou uns seixos en pasteis. Isto é un similar ao desprazamento e a condensación dos afectos nos soños, que estudamos na segunda avaliación, cando vimos que Freud dicía que os soños utilizan estas transformacións para representar que, sen decatármonos, estamos creando unha relación moi similar con dúas persoas distintas.
Tamén Alicia pode crecer e diminuír de tamaño (desgraciadamente, sempre en contra dos seus intereses: vai crecer cando necesita ser pequena e diminuír cando necesita ser grande). E tamén hai figuras que aparecen e desaparecen, coma o Gato de Cheshire, e personaxes e imaxes que aparecen deformados, como os soldados-carta e as rosas brancas que están pintando de vermello.


A adolescencia
Ana explica estas transformacións como un xeito de representar a adolescencia. Lembramos que Alicia existiu realmente e Carroll creou o personaxe inventando historias para ela e as súas irmás. A adolescente Alicia atopaba, igual que o personaxe do conto, que nunca tiña a idade ou o tamaño axeitado: demasiado grande para algunhas cousas, demasiado pequena para outras, sempre ao revés do que ela quixera.
As persoas maiores, contradictorias e maniáticas coma a Raíña de Corazóns e o Sombrereiro Tolo, fan normas absurdas e arbitrarias pero desobedecen as que para Alicia son sensatas e convenientes.
Na adolescencia adquirimos a autonomía para abandonar algunhas normas da infancia e manter outras, pero... como saber cales? A Alicia dinlle o que debe facer, incluso as cousas teñen carteis dicindo que as coma ou as beba, pero a que ou a quen debe facer caso? Debemos comer un cogomelo que nos ofrece alguén que fuma nunha pipa moi rara? Debemos seguir un camiño se non sabemos onde nos leva? Como crear as nosas propias normas sobre a familia, a parella, o sexo...? Sobre a alimentación...? Sobre as drogas...? Tan só o Gato de Chesire é quen de poñer un pouco de sentidiño: para saber que camiño debes tomar debes saber primeiro onde queres ir.

Imaxes
Estas son as fotos da nosa charla de hoxe:


Materiais para descargar
Picando nas imaxes podes descargar o cartaz e a presentación da charla:

   



A BIBLIOTECA COMO ESPAZO DE XESTIÓN DE EMOCIÓNS

O equipo da nosa B.E. considera que para sentar as bases dunha boa aprendizaxe é necesario partir dun bo equilibrio emocional. Isto na adolescencia ás veces resulta complicado e  non só incide negativamente nos resultados académicos, se non tamén no comportamento na aula e nas interaccións cos demais compañeiros e,  en definitiva, na propia vida.
Decidimos enfrontar aos adolescentes coas súas emocións a través dun recurso novidoso nas bibliotecas como é o das artes escénicas aplicadas ás emocións.
Con isto queremos que a nosa biblioteca se convirta nun espazo de autocoñecemento e conciencia de nós mesmos axudando á formación de persoas íntegras, con valores propios dos cidadáns do século XXI.
Co tal motivo a actriz e “coach” cubana Orisel Gaspar levou a cabo tres sesións no noso IES onde traballáronse:




- por un lado a xestión de emocións partindo das letras e ritmo da música que eles escolleron e a interpretación xestual da mesma.
- e polo outro o coñecemento da linguaxe das emocións.

HÉROES E ANTIHÉROES

AS LUCES E AS SOMBRAS A TRAVÉS DOS OLLOS DOS/AS  ALUMNOS/AS DE 1º ESO
O alumnado de 1º ESO realizou unha serie de debuxos sobre os héroes e antihéroes, é dicir as luces e as sombras dos seus persoaxes literarios favoritos, e aquí o resultado:


CHARLAS FILOSÓFICAS "A luz" 3: Ensaio filosófico

3ª Sesión: As preguntas da vida, A arte de amar, O mono espido
Como a luz dunha lámpada, que cesa cando esta se apaga.

Nesta charla falamos sobre a luz no ensaio. Para comentar as obras desta sesión temos a Nerea, Alba, Sheyla e Gabriela.
Na literatura filosófica atopamos moitas veces o dualismo luz/escuridade en relación con outros dualismos como o corpo e a mente ou a muller e o home. Tomamos isto como punto de partida para organizarmos e criticarmos as dúas primeiras obras, e para a última fixarémonos no desenvolvemento da visión no infante humano.

Nerea presenta o capítulo 3º da libro de Fernando Savater As preguntas da vida, titulado Eu dentro, eu fóra. Nel compáranse o corpo e a mente cunha lámpada que ten luz.
Do mesmo xeito que a luz non é unha cousa que estea metida dentro da lámpada e vaia saíndo pouco a pouco, tampouco a mente é algo que estea dentro do corpo... e, porén, non pode existir sen el. Continuando esta liña de argumentación, Nerea e Savater seguen a Descartes no seu descubrimento da conciencia e nalgúns tópicos da filosofía: o pensamento e a existencia, o reducionismo (alma = cerebro) e o solipsismo.




Alba e Sheyla explican a diferenza que Eric Fromm establece entre as dúas primeiras leccións de amor que recibimos na nosa vida: o amor materno e o amor paterno; o primeiro é incondicional e é o xeito en que sempre nos gustaría que nos amasen, pero ten o problema de que non se pode provocar: se queremos que alguén nos ame por nós mesmas/os e non o fai, o noso desexo vai quedar frustrado. O segundo é condicional e hai que gañalo facendo méritos; non é tan inmediato coma o primeiro pero ten a vantaxe de que se pode gañar mediante o esforzo e a dedicación.
Podemos aceptar que existen estes dous xeitos de amar pero, aínda pensando a época na que viviu Fromm e que as súas obras serviron para rachar moitos prexuízos, está tamén claro que esa división nai/pai, home/muller non ten sentido, menos hoxe en día, nin outras afirmacións como que “a muller fora creada por Deus para ser a compañeira do home” ou que a homosexualidade sexa unha perversión.

Da última obra, O mono espido, Gabi recolle o tema do desenvolvemento da visión no bebé humano: Como se forma a nosa capacidade de captar a luz? Nas primeiras semanas non somos quen de enfocar a mirada, e o sentimento de angustia ante a dor é desesperado porque leva consigo un sentimento moi forte de soidade.
Cara ao terceiro mes, comezamos a enfocar as figuras e a recoñecer os trazos da cara das persoas, e isto vai acompañado dun afianzamento e unha relaxación, como se nota en imaxes de bebés que sorrín a unha cámara.


Imaxes

Estas son as fotos da sesión. Xa vedes que ben o pasamos!



Materiais para descargar

O cartaz, esta vez con debuxo de William Blake (Eva tentada pola serpe) e as tres presentacións: