PERE TOBARUELA: Viaxes dun can de palleiro

Editorial: Santiago de Compostela. Sotelo Blanco Edicións, 2009
ISBN / ref: 978-84-7824-573-4
Sinopse:
Novela dirixida especialmente ao público xuvenil na que un can de palleiro narra as aventuras que compartiu con Ulises. Trátase do famoso heroe grego? Si, pero segundo este can de palleiro, Ulises non era grego, era galego, concretamente do Xobre, unha antiga vila de pescadores que hoxe forma parte da Pobra do Caramiñal.

“Eu son un can de palleiro, un can de aldea. Coma quen di, un ninguén. O meu nome non importa. O realmente importante desta historia é a historia mesma. Unha aventura popularmente coñecida como A Odisea.
Non son, nin moito menos, o célebre can Argos, sempre fiel a Ulises. Argos morreu. Era o típico can de raza: estilizado e de boa planta, pero pouco afeito ás emocións fortes.
Eu son un sinxelo can de palleiro orixinario da Barbanza. Miña nai abandonárame cando era un cativo. O meu amo Ulises atopoume...”

Para saber máis sobre Pere Tobaruela...

PERE TOBARUELA: Vouvos papar

Editorial: Santiago de Compostela. Sotelo Blanco Edicións, 2009
ISBN / ref: 978-84-9782-924-3
Autores: Luz Méndez e Pere Tobaruela.
Ilustrador: Daniel Xove.
Sinopse:
Vouvos papar de Luz Méndez e Pere Tobaruela é a historia de Tucho e Mucha, dous nenos que conectados polo correo electrónico e o programa de chat, cando xogaban ao “Buscaminas”, ao seu xogo preferido, viven unha aventura na Internet cando os chucha o seu ordenador coma se os prendese unha aspiradora. Quen é que os quere papar? E ben raro todo isto, non si? Daniel Xove ilustrou esta apaixonante aventura, a primeira na literatura infantil galega que se desenvolve no mundo das pantalllas e dos programas informáticos.

Se queres saber máis sobre Pere Tobaruela...

PERE TOBARUELA: Con ollos de neno

Editorial: Santiago de Compostela. Sotelo Blanco Edicións, 2009
ISBN / ref: 978-84-935609-0-1
A primeira experiencia literaria en galego deste escritor catalán. Cunha mirada crítica, reflexiona sobre o mundo actual e os problemas que preocupan aos cativos.

Se queres saber máis sobre Pere Tobaruela...

DAVID D. VÁZQUEZ ÁLVAREZ: Orballo da mañá

Sinopse:
O barco, no que Lisa ía regresar ao seu país despois das vacacións, agardaba no porto de Casablanca cheo de luces, de bandeiras de cores, de música... No fondo sentía moito deixar alí á súa amiga, que coñecera soamente unhas semanas atrás... no entanto unha parte da súa alma ficaba mesturada coas areas do incrible deserto.

Nadia tamén viaxaría moi pronto cara ao norte onde seguro que algún día se atoparían, mais o seu barco non tería bandeiriñas nin luces de cores nin música... ela terá que deixar ao seu sabio avó Ismael e á súa amiga Soraia, a vida de miseria pero feliz no poboado, e vivir unha dramática viaxe coa súa familia para conseguir un futuro mellor en Europa e reencontrarse coa súa mellor amiga, Lisa.

DAVID D. VÁZQUEZ ÁLVAREZ: Na solaina

Sinopse:
Ana é unha de tantas mulleres que naceran na segunda década do século XX e que viu rota a súa vida pola marcha do seu ser máis querido á outra beira do océano na procura duns pesos... e por unha guerra que nunca tiña que ter comezado... pola soidade, pola xenreira. Séntese, cando era moza, case unha nena, na obriga de abandonar a súa casa, a súa familia, coa soa idea de afastarse de todo para sempre, tentando ao mesmo tempo fuxir dos recordos que ameazaban con relala por dentro.

DAVID D. VÁZQUEZ ÁLVAREZ: Améndoas e flores silvestres

Sinopse:
Avanzaba o século XI cara ao seu remate nunha época de xenreira, de escravitude, de pandemias, de liortas e de guerras. Roi nace nunha pequena aldea asentada no val onde remata o reino de Galicia. É o fillo do ferreiro, un servo máis de don Guzmán, o conde que o domina todo desde a súa fortaleza amurallada. Desde moi pequeño, o mozo soña con ser, un día, un home libre para poder ser armado cabaleiro. Coñece polo seu avó, o mago, o druída, as historias do rei Arturo e a existencia do Santo Graal, o que o vai levar por inhóspitas e estrañas paraxes coa soa compaña de Alba, decidida, tamén, a romper co pasado, coas ataduras das tradicións e do destino que para ela marcou o seu pai, o conde. Xuntos van descubrir onde se agocha a verdadeira liberdade.

Para saber máis sobre David D. Vázquez Álvarez...

PEQUENA BIBLIO-BIOGRAFÍA DE DAVID D. VÁZQUEZ ÁLVAREZ

David D. Vázquez Álvarez nace o 6 de agosto de 1953 en Arcos de Valdeorras, concello de Vilamartín (Ourense). Realizou os seus estudos na Bañeza, Astorga e Ourense. É mestre de Ensino Primario, exercendo en Abanqueiro, Vilamartín. Actualmente imparte maxisterio no Barco de Valdeorras.
Escribe novela, contos infantís e xuvenís. E, aínda que “no baúl dormen varias historias agardando que lles chegue a súa hora”, contan na súa bagaxe obras como O ruliño branco (libro infantil de relatos curtos), Orballo da mañá (diario dunha nena de doce anos no sur de Marrocos, obrigada a montar nunha lancha, rumbo á terra prometida), Na solaina (historia de Ana, unha desas tantas mulleres que naceron na segunda década do século XX e que viu rota a súa vida pola marcha do seu ser máis querido á outra beira do océano na procura duns pesos e por unha guerra que nunca tiña que ter comezado, pola soidade, pola xenreira), Améndoas e flores silvestres (ambientada no século XI, Roi, o fillo dun ferreiro e servo do conde don Guzmán, foxe na compaña de Ana e xuntos van vivir estrañas aventuras como o seu encontro co rei Artur ou co Santo Graal).

Premios:

Foi galardonado en 1985 co Primeiro Premio no II Certame de Poesía A Ouriceira, Val do Incio (Lugo), cun conxunto de poemas titulados Ribeirán do Sil
En 2008 gaña o Primeiro Premio do VII Certame de relato curto “José Saramago” convocado pola Asociación de Bibliotecas de Santiago de Compostela, coa súa obra Laio na serra.

Publicacións:
  • Améndoas e flores silvestres. Colección Meiga Moira. Baía Edicións, 2008.
  • Na Solaina. Colección Meiga Moira. Baía Edicións, 2008.
  • O orballo da mañá. Colección Meiga Moira. Baía Edicións, 2006.
  • O ruliño branco, un libro de relatos e contos sacado á luz pola Asociación Pedagóxica “Vagalume” do Barco de Valdedorras en 2005.
  • Adaptacións teatrais para a escola pero a nivel local e algunha que outra obra para representar cos/coas seus/súas alumn@s, baseadas en contos populares.

Palabras do autor:

“Gústame moito a miña profesión e o mundo dos rapaces aínda que desexaría que non quixésemos convertelos en maiores antes de tempo, sen darlle a oportunidade de gozar da súa infancia, dos seus maiores e do agarimo que a nós nos deron”.
“Unha das miñas afeccións favoritas é camiñar pola aldea na que nacín á beira do regueiro Farelos, sentarme ao fresco das súas augas saltonas coa xente que coma min coñeceu na súa beira unhas paraxes virxes, fermosas...”
“Sinto un engado especial polo mar xunto ao que me achego en canto teño ocasión... talvez sexa porque nel coñecín hai preto de trinta anos á rapaza que desde entón comparte a miña vida”.
“Comecei a escribir no mesmo intre que descubrín que un papel era como un amigo ao que lle podes contar todo e que sempre está disposto a prestarche atención... cando comprobei que existían dúas clases de persoas: as que sempre podían falar aínda que non tivesen nada que dicir e as que tiñan que escoitar e gardar os seus pensamentos por importantes que fosen”.

Podes visitar tamén o encontro dos alumnos co autor: Encontro con David D. Vázquez Álvarez

Achegámonos ao teatro

“O Moucho Azul” inaugurouse, desinhibidamente, coa sesión “A chorar que hai que rir”, lectura dramatizada de Os vellos non deben de namorarse de Castelao.

@s nos@s clubeir@s continuarán a lectura da obra teatral na casa para logo compartir comentarios e opinións relacionados co libro do rianxeiro.