PROXECTO MULTIDISCIPLINAR 19-20: A TECNOLOXÍA NAS NOSAS VIDAS

Mostrando entradas con la etiqueta Proxecto 22-23: Redondela. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Proxecto 22-23: Redondela. Mostrar todas las entradas

EXPOFLORIANI

 ¡Por fin chegou EXPOFLORIANI 2023, o resultado dun arduo traballo por parte do profesorado do grupo de Novas Pedagoxías do noso centro e, sobre todo, do noso fantástico alumnado, do que non podemos estar máis orgullosas e orgullosos.

 Foi unha mañá moi intensa, pero pagou a pena poder dar a coñecer o resultado do noso traballo e tratar de mellorar un chisquiño as vidas da xente do noso entorno. 

Parabéns ao alumnado e profesorado participante, foi todo un éxito!!
















AÍ VÉN O MAIO...

 Estes días estivemos axudando a preparar o maio do Floriani que organiza o Departamento de Dinamización Lingüística. Mirade que chulo nos está quedando...





A ORIXE DO CINE EN GALICIA

 Hoxe o alumnado de 2º ESO asistiu a unha interesantísima actividade sobre a figura de José Gil, pioneiro do cinema en Galicia, e os primeiros tempos desa arte na nosa terra. Visitamos a réplica do camión no que José Gil trouxo o cinema a Redondela hai máis de cen anos e ata vimos unha divertidísima película de cine mudo con Javi e Lucía, de 2º de ESO, como explicadores de excepción. 

Por certo, o público de Redondela terá a oportunidade de desfrutar do camión, as proxeccións e a música este domingo, non o perdades!






LECTURA NA RÚA

 Hoxe participamos, xunto ao resto dos coles e institutos do concello de Redondela, na LECTURA NA RÚA organizada polo CEP Santa Mariña, a ANPA Ernestina Otero, o Concello e a Biblioteca Municipal con motivo do Día do Libro. 

Durante toda a mañá lemos, intercambiamos marcapáxinas, cantamos, bailamos, coñecemos novos amigos, reencontrámonos con vellos coñecidos... foi unha mañá moi divertida e enriquecedora. 

Noraboa ás organizadoras polo gran traballo realizado e moitas grazas por convidarnos á festa da lectura. 










20 ANOS DO PRESTIGE

 En novembro de 2022 recordamos unha triste efeméride: o afundimento do petroleiro Prestige preto das nosas costas, que provocou a maior marea negra da historia de Galicia e que afectou moito a todas as Rías Baixas e, polo tanto, tamén a Redondela. 

A maior parte do noso alumnado non nacera aínda e moitos nunca oíran falar do Prestige, así que no Floriani dedicamos uns días a contarlles todo aquilo, a animal@s a preguntar nas súas casas e a descubrir por si mesm@s, porque a memoria é importante e coñecer o pasado é o único que nos pode salvar de repetilo. 

Aquí van algunhas fotos do que fixemos naqueles días: carteis, traballos sobre os ecosistemas mariños, exposicións... 








Pero tamén quixemos que algunhas das persoas da nosa contorna que viviron aquela situación de preto viñeran para contárnolo e organizamos unha charla con Julio e José Manuel, que hai 20 anos eran, respectivamente, vicepatrón maior da confraría de Vigo e armador. Eles viñeron falarnos, en primeira persoa, da súa experiencia loitando contra o chapapote coas súas propias mans, impedindo así que entrase nas rías e que a catástrofe medioambiental e económica fose aínda peor. Moitas grazas aos dous por acompañarnos naquela mesa redonda, por ensinarnos tanto e por responder ás nosas preguntas. E moitas grazas tamén porque hai 20 anos tiveron moi claro o que había que facer e non dubidaron en dar un paso á fronte para salvar a ría, a pesar da incerteza e a falta de medios. 




Por último, quixemos lembrar aquela histórica cadea humana que a principios de 2003 uniu as vilas de Laxe e Muxía, zona cero da traxedia, e na que participaron rapaces e rapazas chegados de institutos de toda a xeografía galega, incluído o noso. Así pois, o 1 de decembro o alumnado dos tres IES da vila de Redondela (IES Mendiño, IES Illa de San Simón e IES Pedro Floriani) fixo unha pequena cadea humana recordando aquel momento. No noso caso, serviu como colofón das tres semanas que dedicamos no centro a traballar o tema do Prestige. 










ROTEIRO DE SAMAÍN


Este ano celebramos o Samaín cun roteiro por Redondela, aproveitando o tema do proxecto da nosa biblioteca. Pero non un roteiro calquera, senón un no que nos falaron de lendas, costumes e misterios relacionados coa nosa vila e que nin sospeitábamos. Foi do máis interesante!! Para iso contamos coa colaboración de Montse, de Mellor con guía, que foi a nosa cicerone por Redondela, e co alumnado de 3º de ESO. 

Repetiremos, sen dúbida!