É un libro que soa como a guitarra de Kurt Cobain nun concerto de Pavarottis afónicos. Imprescindible para manter unha confianza razoable na sobrevivencia intelixente do ser galaico-humano. Necesario para os que tiñamos xa unha certa sospeita de que Jimmy Hendrix tamén comía cachelos (Antón Reixa, “La Voz de Galicia”). As peciñas que nos ofrece Jaureguizar poden poñerse á par da mellor tradición de narrativa curta. Tralla brava, auténtica arroutada, lume que queima o peito, iso son os relatos breves que poboan “Fridom Speak”. Jaureguizar contra o mundo e a repugnancia. O que se vén chamando literatura bravú. (...). O lirismo que tinxe a escrita de Castelao vese aquí desprazado por unha feroz e expeditiva exposición (Xosé M. Eiré, “A Nosa Terra”). Nesta terra de ninguén os mozos ven a vaca pacer mentres falan por teléfono dixital GSM e o tractor agarda no patio co motor encendido. Temos a impresión de que os personaxes de Jaureguizar están atrapados nun buraco negro (Xosé Cid Cabido).
No hay comentarios:
Publicar un comentario