PROXECTO MULTIDISCIPLINAR 19-20: A TECNOLOXÍA NAS NOSAS VIDAS

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Para celebrar o Día das Letras Galegas e conmemorar o poeta homenaxeado, o 18 de maio @s nos@s alumn@s ofrecéronnos un recital de poemas pertencentes aos poemarios Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995) e Poemas 1981-1991 de Lois Pereiro, acompañando a lectura con música moderna acorde ao carisma do poeta punk.
Para sorpresa do público, ao remate do recital, ofrecéronnos, con aire festivo, bailes tradicionais que se tentan recuperar a través do libro Para cantar e bailar de Luís Prego.



Se queredes ler os poemas que se recitaron e quen os recitou, continuade lendo...


Alba Estévez (3º ESO B) recitou “If I die before I Wake...” do poemario Poesía última

(E todo por facer da vida unha dose indolora
da verdadeira existencia, co seu sol e a súa
sombra; e do Soño Eterno, do “Big sleep”,
outro máis pequeno...)

If I die before I Wake...

O pasado apodrece baixo terra
e o presente non flúe,
é un río morto.

Pero esta vez non haberá resurrección
e o futuro é por forza alleo a min.

nadal, 92



Alba Campo (3º ESO A) recitou “X” do poemario Poesía última

(Ausencia ou presencia non alteran
a distancia do espírito,
que xa se internou nela.
E os elementos das novas tecnoloxías
van elaborando os nosos afectos...)

X
Tristemente convivo coa túa ausencia
sobrevivo á distancia que nos nega
mentres bordeo a fronteira entre dous mundos
sen decidir cal deles pode darme
a calma que me esixo para amarte
sen sufrir pola túa indiferencia
á miña retirada preventiva
dunha batalla que xa sei perdida
resolto a non entrar xamais en ti
pero non á tortura de evitarte.

xullo, 95


Ana Pérez (2º ESO B) recitou “Un presente no día de santa Ana”do poemario Poesía última

“Wer, wenn ich schrieee, hörte mich denn
aus der Engel Ordnungen?...”

Rainer Maria Rilke


(Quen me oiría? Ti oíchesme sempre beloved
amiga interna belovedana anabelobed…
Porque inda que “todo anxo é terrible”, ti
fuches sempre un bo anxo da garda –ti e mais
Ela, ou Ela e Ela, fortes anxos que me gardan.
...porque ser é atroz
a carón da ollada dunha flor...)


XXVI
(Un presente no día de santa Ana)
Fermosa como a morte que se invoca
exerces a beleza internamente
emocionando ás sombras máis letais e irreductibles

descubrindo a presencia
de vestixios de vida
nas máis opacas ruínas
só cunha ollada abortas a ofensiva
da dor que se aveciña.

xullo, 95


Roberto Jiménez (2º ESO B) recitou “Corporal (je t’aim...)” e “Outro poema de amor” do poemario Poemas 1981-1991





Corporal (je t’aim...)

Da boca a furia, os dentes:
as armas da paixón
que a pel intacta exploran e profanan

Carne de luxo
amor
tóxico inxecta

Callado o frío na man e na ferida
formiguea insurxente
e cicatriza
entre os peitos posibles
doutro trunfo

Pois cada tres segundos
dúas pálpebras lubrican
os seus ollos hostiles que non cren.


Outro poema de amor

El xa non sintía nada alí deitado
e ela tampouco ó velo.
Preguntouse se o amara algunha vez
mentres vía o seu sangue a caer na alfombra
que ela, sempre ela, tería que limpar
cando o levasen.

No hay comentarios:

Publicar un comentario