CHARLAS "Unha viaxe arredor do mundo das lecturas filosóficas" - 5

5ª Sesión: Unha viaxe aos mares do sur: Sexo e temperamento
As diferenzas de temperamento entre os sexos son culturais, non naturais

A charla de hoxe, coa que acabamos o ciclo de 2015, preséntaa Andrea Couñago e trata sobre o libro Sexo e Temperamento en tres sociedades primitivas, de Margaret Mead. Esta autora cambiou a nosa maneira de pensar sobre as diferenzas de temperamento entre os sexos, e esta obra foi unha das máis lidas nunha época na que América e Europa espertaban á igualdade e liberdade sexuais, e comezaban a entrever ideas coma o que hoxe chamamos dereitos sexuais e reprodutivos.


1. Tres sociedades
En Sexo e temperamento, Margaret Mead estuda tres grupos que viven nas illas de Papúa - Nova Guinea: as sociedades arapesh, mundugumor e tchambuli.


A sociedade arapesh vive cun ritmo lento e pacífico. A súa principal preocupación é criar fillas/os, traballando o suficiente para manterse. Non hai propiedade privada e non hai competencia. Nais e pais preocúpanse do benestar das/os fillas/os e danlles confianza e cariño. Non teñen hábitos violentos pero se alguén non se adapta a esta descrición déixana/o estar e non teñen unha sanción para el/a.

A tribo mundugumor non é pacífica: móvense por agresividade, celos e competitividade. As mulleres non teñen o que nós chamariamos instinto materno: as fillas se cambian por noivas para os pais ou os fillos, desestabilizando a situación das nais, polo que os embarazos son recibidos con descontento e provocan moitos conflitos.

Na sociedade tchambuli, unha tribo con vocación artística, os homes preparan as danzas e as mulleres buscan o sustento por medio da pesca, o tecido e o comercio. O rol que chamariamos materno exérceno as mulleres pero cun temperamento dominador, mentres que os homes presentan un temperamento débil e susceptible.

2. Conclusións
Podemos extraer dúas conclusións deste estudo. En primeiro lugar, que as diferenzas de sexos son culturais, non naturais, posto que
os Arapesh e os Mundugumor  NON  conciben que os homes e as mulleres posúan diferentes temperamentos,
mentres que
os Tchambuli  SI  que atribúen dous temperamentos distintos para os individuos segundo o seu sexo.
Pero Margaret Mead vai máis aló e afirma que
os trazos de temperamentos masculino e feminino non veñen dados só pola educación recibida na infancia senón tamén pola estrutura económica e cultural.




3. Materiais para descargar
Como esta é a última charla deste curso, podedes descargar o seu cartaz picando na imaxe da esquerda ou todos os materiais das cinco charlas (cartaces e presentacións) picando na da dereita:


A presentación multimedia de hoxe podédela ver aquí:





No hay comentarios:

Publicar un comentario