Encontro con Luz Fernández García, psicanalista

Psicanálise e adolescencia


Xa coñeciamos a Luz polos comentarios que fixera no blog de filosofía, no post de Laura Álvarez e Ana Ferreira sobre A interpretación en psicoloxía. Agora tivémola aquí para charlar connosco sobre Psicanálise e adolescencia.
Luz é psicóloga e psicanalista, pero sobre todo insiste en que lembremos que é profe. Traballa facendo diagnóstico no Instituto de Psicomotricidade, en Vigo, e como profesora e orientadora no colexio Martín Códax. Ten moita experiencia clínica como psicanalista e é membro da Escola Lacaniana de Psicanálise. Recentemente publicou, en colaboración con outras/os autoras/es, o libro Adolescencias por venir.



Psicanálise e estruturas clínicas
A primeira parte da charla de Luz tratou sobre a estrutura da personalidade e o xeito en que se fai o diagnóstico. En psicanálise distínguense tres tipos fundamentais de personalidade: neurótica (histérica ou obsesiva), psicótica e perversa. Non falamos moito desta última: as persoas perversas non adoitan acudir á consulta salvo no caso de que a súa perversión lle cause problemas de relación social.
A psicose é o que se coñece coloquialmente como loucura, termo que a psicanálise utiliza con moito respecto: hai que ser moi intelixente e moi coherente para ser psicótica/o.
A neurose equivale a unha normalidade que, segundo Freud, non existe: todo o mundo ten síntomas (lapsus, esquecementos, mesmo os soños...) que revelan a represión e a angustia, pero só nalgúns casos se deben tratar como enfermidade, cando impiden a vida normal da persoa.



Os problemas do diagnóstico
Luz cóntanos a súa experiencia diagnosticando e tratando a rapazas/es de moitas idades, frecuentemente arredor da adolescencia. Inicialmente, a persoa ten que poñer en palabras o seu sufrimento pero para isto é imprescindible que se estableza un lazo persoal, a transferencia, que lle permite ter un punto de referencia fóra de si para analizar a súa situación.
Moitas veces hai unha interferencia causada pola imposición legal de utilizar un instrumento de diagnóstico, o manual DSM (actualmente vai pola 4ª edición e xa se está preparando a 5ª), útil para moitas/os profesionais, pero que ten un punto de vista incompatible co que ela busca: un tratamento integral da persoa, como ser humano completo, mentres o DSM só considera trastornos illados e, en consecuencia, todo é patolóxico, desde as perrenchas das/os nenas/os pequenas/os ata a tristura pola morte dun familiar. Ademáis, pola presión das multinacionais farmacéuticas, resulta que todos estes trastornos deben ser medicados e vemos así como se multiplican os casos de Trastorno de Déficit de Atención con Hiperactividade (TDAH), as fibromialxias e cantidade de diagnósticos que frecuentemente agochan o sufrimento e impiden a busca da solución.



O caso de Andrés
A segunda parte da charla é unha viñeta clínica, o caso de Andrés (o nome é suposto), con quen Luz traballou durante 4 anos, e que amosa a dificultade de distinguir entre unha neurose e unha psicose, debido en parte á lucidez coa que el mesmo expresa a súa propia situación (moi común na psicose) e en parte á medicación que toma desde hai anos e que enmascara todo o seu comportamento.
Co establecemento da transferencia Andrés comeza a sentir alivio dos seus síntomas e a falar deles, atopando as palabras e ideas que van debuxando a presión a que está sometido para que se adapte aos ideais das familias da súa nai e do seu pai.
A crise xorde cando ve que, para superar o seu illamento e a súa angustia, ten que descubrir os seus desexos profundos, tapados pola idea do deber, e establecer novas relacións e amizades con perigo para a súa situación escolar, cun expediente académico brillante.
O caso remata abruptamente cando a familia retira a Andrés da terapia e o manda a outra cidade. Léramos xa unhas palabras que pronuncia cara ao final do tratamento e que Luz puxera no seu comentario ao post no noso blog:


Primeiro, cando era pequeno deume tristeza. O rollo das pílulas marcoume. Pasas por varias fases. O Concerta produciume unha fixación nas obsesións. Non me podía revelar, ninguén me preguntaba.
Eu non quería ser especial, non quería ser superdotado, iso era ser diferente. Alguén desde fóra decidía que o foses.
As pílulas guiaban o meu día a día. Recordo cada psiquiatra, cada sala de espera. Os psiquiatras decidían en media hora o que ía ser de ti. Había desde fóra o desexo de que foses tal ou cal cousa e cada nova pílula íao conseguir.
Eu non sabía si era listo ou non, non sabía nada de min. O bo que tiña debíallo ás pílulas, o malo era o meu auténtico eu.

Preguntas
Hai moitas preguntas: Cal é o caso máis difícil que tiveches, se houbo algún caso que te afectara, etc.
Nas respostas Luz fai ver que todos os casos son un compromiso individual, en todos se vive e se sofre con cada persoa, e en todos hai un momento de crise e dificultade. Pero isto é a vida: hai que tomar decisións (e moito máis na adolescencia) e esas decisións son as que forman a nosa personalidade.





Algunhas ligazóns


Unha recensión do libro Adolescencias por venir, no que Luz colabora con outras/os autoras/es. Esta obra está na biblioteca do instituto.
Páxina web do Instituto de Psicomotricidade (Psicomotricidade, psicoterapia e atención temprana), na rúa Párroco José Otero, 5, Vigo.
Xornadas O outro neno: Encontros entre profesionais do mundo PSI en torno a temas como adolescencia, psicose, autismo, terapia, etc.

No hay comentarios:

Publicar un comentario