PROXECTO MULTIDISCIPLINAR 19-20: A TECNOLOXÍA NAS NOSAS VIDAS

CHARLAS FILOSÓFICAS "A luz" 4: Narrativa

4ª Sesión: Alicia no país das marabillas
-Por que camiño debo ir?
-Onde queres ir?
-Non o sei.
-Entón dá igual por que camiño vaias...

A charla de hoxe preséntana Ana e María e está dedicada á luz como símbolo na narrativa. Tomaremos como exemplo Alicia no país das marabillas.
Como xa vemos no cartaz, en Alicia hai unha contraposición entre a luz do exterior do burato e a escuridade de dentro. Lewis Carroll, o autor, era un matemático e filósofo e usou esta simboloxía para representar un cambio de lóxica: da lóxica da luz, o día e a vixía á lóxica da escuridade, a noite e o soño.Este cambio de lóxica permite establecer conexións entre ideas e imaxes que doutro xeito parecerían soamente absurdas ou incongruentes e que agora dan unha sensación inquedante de normalidade e evidencia.
Un soño
María explícanos o tipo de asociacións e saltos dunha idea a outra que son válidos para Alicia desde que entra no burato. Uns personaxes ou obxectos poden transformarse noutros; un bebé, por exemplo, pode converterse nun porco ou uns seixos en pasteis. Isto é un similar ao desprazamento e a condensación dos afectos nos soños, que estudamos na segunda avaliación, cando vimos que Freud dicía que os soños utilizan estas transformacións para representar que, sen decatármonos, estamos creando unha relación moi similar con dúas persoas distintas.
Tamén Alicia pode crecer e diminuír de tamaño (desgraciadamente, sempre en contra dos seus intereses: vai crecer cando necesita ser pequena e diminuír cando necesita ser grande). E tamén hai figuras que aparecen e desaparecen, coma o Gato de Cheshire, e personaxes e imaxes que aparecen deformados, como os soldados-carta e as rosas brancas que están pintando de vermello.


A adolescencia
Ana explica estas transformacións como un xeito de representar a adolescencia. Lembramos que Alicia existiu realmente e Carroll creou o personaxe inventando historias para ela e as súas irmás. A adolescente Alicia atopaba, igual que o personaxe do conto, que nunca tiña a idade ou o tamaño axeitado: demasiado grande para algunhas cousas, demasiado pequena para outras, sempre ao revés do que ela quixera.
As persoas maiores, contradictorias e maniáticas coma a Raíña de Corazóns e o Sombrereiro Tolo, fan normas absurdas e arbitrarias pero desobedecen as que para Alicia son sensatas e convenientes.
Na adolescencia adquirimos a autonomía para abandonar algunhas normas da infancia e manter outras, pero... como saber cales? A Alicia dinlle o que debe facer, incluso as cousas teñen carteis dicindo que as coma ou as beba, pero a que ou a quen debe facer caso? Debemos comer un cogomelo que nos ofrece alguén que fuma nunha pipa moi rara? Debemos seguir un camiño se non sabemos onde nos leva? Como crear as nosas propias normas sobre a familia, a parella, o sexo...? Sobre a alimentación...? Sobre as drogas...? Tan só o Gato de Chesire é quen de poñer un pouco de sentidiño: para saber que camiño debes tomar debes saber primeiro onde queres ir.

Imaxes
Estas son as fotos da nosa charla de hoxe:


Materiais para descargar
Picando nas imaxes podes descargar o cartaz e a presentación da charla:

   



No hay comentarios:

Publicar un comentario