PROXECTO MULTIDISCIPLINAR 19-20: A TECNOLOXÍA NAS NOSAS VIDAS

CHARLAS FILOSÓFICAS "A luz" 3: Ensaio filosófico

3ª Sesión: As preguntas da vida, A arte de amar, O mono espido
Como a luz dunha lámpada, que cesa cando esta se apaga.

Nesta charla falamos sobre a luz no ensaio. Para comentar as obras desta sesión temos a Nerea, Alba, Sheyla e Gabriela.
Na literatura filosófica atopamos moitas veces o dualismo luz/escuridade en relación con outros dualismos como o corpo e a mente ou a muller e o home. Tomamos isto como punto de partida para organizarmos e criticarmos as dúas primeiras obras, e para a última fixarémonos no desenvolvemento da visión no infante humano.

Nerea presenta o capítulo 3º da libro de Fernando Savater As preguntas da vida, titulado Eu dentro, eu fóra. Nel compáranse o corpo e a mente cunha lámpada que ten luz.
Do mesmo xeito que a luz non é unha cousa que estea metida dentro da lámpada e vaia saíndo pouco a pouco, tampouco a mente é algo que estea dentro do corpo... e, porén, non pode existir sen el. Continuando esta liña de argumentación, Nerea e Savater seguen a Descartes no seu descubrimento da conciencia e nalgúns tópicos da filosofía: o pensamento e a existencia, o reducionismo (alma = cerebro) e o solipsismo.




Alba e Sheyla explican a diferenza que Eric Fromm establece entre as dúas primeiras leccións de amor que recibimos na nosa vida: o amor materno e o amor paterno; o primeiro é incondicional e é o xeito en que sempre nos gustaría que nos amasen, pero ten o problema de que non se pode provocar: se queremos que alguén nos ame por nós mesmas/os e non o fai, o noso desexo vai quedar frustrado. O segundo é condicional e hai que gañalo facendo méritos; non é tan inmediato coma o primeiro pero ten a vantaxe de que se pode gañar mediante o esforzo e a dedicación.
Podemos aceptar que existen estes dous xeitos de amar pero, aínda pensando a época na que viviu Fromm e que as súas obras serviron para rachar moitos prexuízos, está tamén claro que esa división nai/pai, home/muller non ten sentido, menos hoxe en día, nin outras afirmacións como que “a muller fora creada por Deus para ser a compañeira do home” ou que a homosexualidade sexa unha perversión.

Da última obra, O mono espido, Gabi recolle o tema do desenvolvemento da visión no bebé humano: Como se forma a nosa capacidade de captar a luz? Nas primeiras semanas non somos quen de enfocar a mirada, e o sentimento de angustia ante a dor é desesperado porque leva consigo un sentimento moi forte de soidade.
Cara ao terceiro mes, comezamos a enfocar as figuras e a recoñecer os trazos da cara das persoas, e isto vai acompañado dun afianzamento e unha relaxación, como se nota en imaxes de bebés que sorrín a unha cámara.


Imaxes

Estas son as fotos da sesión. Xa vedes que ben o pasamos!



Materiais para descargar

O cartaz, esta vez con debuxo de William Blake (Eva tentada pola serpe) e as tres presentacións:




      





No hay comentarios:

Publicar un comentario