Edición orixinal: Rides FR
Fecha de edición: Novembro 2007
Guión e dibuxo: Paco Roca
Enrugas inscríbese no denominado “cómic social”. Nel atopamos valores coma o compañeirismo, o amor de toda unha vida e a protección dunha familia, a fantasía como vía de escape dunha realidade que non nos gusta, a soidade, a rutina, a paciencia dos coidadores.
Chamounos a atención como o autor utiliza as páxinas en Branco para simular que o alzheimer comeza a devorar as neuronas e que na película Miguel tivese acento arxentino.
Sobre os personaxes:
Emilio, cuxa profesión (director dunha sucursal) fai que se acentúe máis a sensación de “persoa non útil” que teñen os avós que ingresan nunha residencia. Cando a enfermidade se fai inevitable, intenta enmascarala con artimañas e usar o seu gusto pola lectura para atrasar o máximo posible a hora fatídica de subir ao piso superior.
Miguel, un despreocupado home, sen familia, ao que non lle preocupa que veña ninguén a visitalo para non caer na decepción do resto de anciáns da residencia.
Miguel é retratado como un extorsionador. Está ao tanto de quen move cartos na residencia, está por encima do resto ao atoparse mellor. Quizais se cre o rei da residencia e isto tamén pode ser un tipo de demencia.
A súa “cura” consistirá en axudar a Emilio sen recibir nada a cambio, polo menos material, xa que por fin atopou a alguén de quen preocuparse.
Antonia, aínda que precisa un andador, sempre quere bailar e cre que la vellez non é sinónimo de ensimesmarse, senón de gozar do teu tempo e darlle alegría ao corpo.
Miguel e Antonia personifican os dous antagonistas: ela propón continuar activos para beneficiar ao corpo e á mente, el considera que non hai nada que facer dentro da residencia.
Dolores e Modesto son unha parella de anciáns que estiveron xuntos toda a vida, desde que se fixeron noivos. El padece de Alzheimer en estado avanzado, non di nada e é atendido pola súa muller, pacientemente, cada día. A dura situación serve para que Emilio decida loitar e non estar coma el.
O flashback no que se nos explica porque lle murmura certa palabra ao oído pareceunos precioso e serve de contrapunto ao que predica Miguel, sentirse sen ataduras nin preocuparse por sentirse abandonado pola familia.
Algunhas das preguntas que xurdiron foron:
• Que facer cos nosos anciáns nesta sociedade que cada día vai máis rápido?
• É esta a mellor solución para esta situación?
• Quero pasar os 10 ou 15 últimos anos da miña vida nunha residencia xeriátrica?
Evidentemente a resposta foi que non queremos pasar os nosos últimos anos nun lugar así. A opción a esta situación dos nosos contertulios foi optar polas residencias de día como mellor solución.