Xosé Carreiro Montero (1954, Vigo), máis coñecido como Pepe Carreiro, é un humorista gráfico, ilustrador e deseñador de BD. Comezou en 1977 coa banda O fillo de Breogán no voceiro comunista A Voz do Pobo. Foi un dos fundadores de Can sen Dono, revista que chegou a dirixir, e XO! "a voz que para a bestas". Ten colaborado con publicacións como Teima (na sección "O galo Camilo"), Hoja del Lunes de Vigo, Faro de Vigo ("Maxistérico"), Faro do Luns (“Canle privado”), El Pueblo Gallego ("O galo Camilo"), A Peneira ("Robinsón"), La Voz de Galicia, Diario de Galicia, A Nosa Terra, Mundo Obreiro, Televisión de Galicia (“O anano do tesouro”), El Mundo, A trabe de Ouro, Tempos novos, kkrak.net, Novas de Galiza ou La Codorniz.
Publicou dous libros de humor gráfico: Fraga na Galiza (1997, Laiovento) e Peor que onte, pero mellor que mañán (2004, Fervenza). Como debuxante e guionista de cómic publicou tres álbums da serie Os Barbanzóns (2003, Toxosoutos), unha revisitación asterixiana: Baroña ou morte, No solpor da prehistoria, A noite de Samaín e A noite das cacharelas; e Os Pequenos Barbanzóns, en colaboración con Abraham Carreiro; un álbum da serie Galicia nas guerras napoleónicas: A retirada de Sir John Moore na primeira etapa da revista Golfiño, que despois foi recompilada en formato álbum por Xerais no 2002.
Como debuxante e ilustrador infantil foi o creador da serie Os Bolechas, Os Fomigón, Contos do Miño (as tres editadas por A Nosa Terra), Merlín (Xerais), Árbore e A chalupa (ambas en Galaxia), etc . Ten desenvolvido a publicación infantil "Bule bule" e publicou o álbum Compostela, historia dunha lenda (ed. Toxosoutos, 2003) da que se tiraron dez mil exemplares. A través das súas humorísticas páxinas reflectiu a súa opinión sobre a historia, facendo fincapé nos nosos acontecementos históricos: Historia de Galicia infantil, Historia da lingua galega: do latín ao galego cordial.Versión para xente madura, Historia da lingua galega: do latín ao acento de Burgos. Versión para xente nova, Historia universal, e coñecemos a moitos persoeiros galegos a través da súa colaboración na serie Protagonistas da Historia.
Traballou de debuxante e director de arte en varias axencias de publicidade de Vigo, fundou con outros socios unha axencia propia e ten un estudo propio desde os anos 90.
Palmarés
Foi terceiro premio ex aequo con Xan González do Concurso Nacional O Facho de Cómics para nenos no 1980 por A illa dos carballos. Por toda a súa traxectoria recibiu en 2003 o Premio Ourense de Banda Deseñada, que recoñece cada ano unha iniciativa ou persoeiro relevante da novena arte en Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario