O escritor Agustín Fernández Paz rexeitou o día 16 deste mes de novembro o Premio da Cultura Galega das Letras, nada máis coñecer que o xurado destes galardóns o distinguía co recoñecemento. Nun comunicado remitido aos medios, ao pouco de facerse público o fallo, Fernández Paz explica que ''cando os Premios da Cultura Galega foron convocados manifestei en diferentes foros o meu desacordo con eles''.
Sobre as razóns da decisión, Fernández Paz remite a un comunicado da plataforma ProLingua do 8 de outubro no que, baixo o lema 'Rosalía de Castro nunca aceptaría este 'premio'', se fai un chamamento ás persoas relacionadas co sector cultural a rexeitar os novos galardóns da Xunta.
Este é o contido do chamamento:
Chamamento a todas as persoas que traballan nos diversos ámbitos da cultura galega
Ante a convocatoria da Consellería de Cultura e Turismo dos «Premios da Cultura Galega», manifestamos que nin a actual Xunta nin o seu Presidente, responsables ante a Historia de lexislaren por vez primeira contra a nosa lingua, e polo tanto contra o marco xurídico e fronte ao consenso que posibilitou a súa presenza pública, poden atribuírse agora o papel de benfeitores da cultura galega.
Facemos, entón, un chamamento á sociedade e a todas as forzas políticas para recuperarmos o camiño da concordia. Un novo consenso que só pode articularse concibindo a lingua como parte esencial da nosa riqueza, nunca como problema, e que precisa agora da posición firme de todas as persoas vinculadas á cultura.
Temos o convencemento de que nin as brillantes sensibilidades nin as mellores intelixencias deste país aceptarán ser utilizadas para sancionar políticas que causan división arredor dun dos símbolos maiores da nosa convivencia. Desde esa certeza, xulgamos lexítimo non aceptar ningún premio que veña hipotecado por agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar con protocolario boato.
En Santiago de Compostela, o 8 de outubro de 2010
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2010 determinou nunha reunión celebrada o día 15/11/2010 na Fundación Cidade da Cultura os sete premiados que recibirán os galardóns en recoñecemento do seu traballo creativo. Fernández Paz foi o galardoado co premio Cultura Galega das Letras ''en recoñecemento a súa traxectoria vencellada á escrita galega''. A súa candidatura foi realizada polo Consello da Cultura Galega e aprobada pola maioría do xurado.
Agustín Fernández Paz, coherente con este chamamento, rexeitou o premio e agradeceu o feito de que o xurado valorase a súa obra.
Estas son as obras de Agustín Fernández Paz que temos na biblioteca:
No hay comentarios:
Publicar un comentario