PROXECTO MULTIDISCIPLINAR 19-20: A TECNOLOXÍA NAS NOSAS VIDAS

EXCURSIÓN A PADRÓN: VISITA Á FUNDACIÓN CAMILO JOSÉ CELA E Á CASA DE ROSALÍA DE CASTRO

Saímos a primeira hora, en canto tocou a sirena. Collemos o bus para ir a Padrón, a verdade é que se fixo un pouco longo, aínda que todos estabamos entretidos falando, cantando, escoitando música...
Paramos xusto diante da Fundación Camilo José Cela e fixemos a visita guiada. Dividímonos en dous grupos, o noso comezou polo andar de arriba. Todos os cuartos, en ambos os dous andares, estaban cheos de libros e cada un trataba cousas diferentes. Nalgúns había unha vitrina que no medio contiña cartas doutros escritores, pintores ou artistas, escritas a Cela; outros tiñan pequenos manuscritos realizados por el e moitos estaban cheos dos seus libros. Outras salas tiñan cadros, fotografías, debuxos de Cela e algunhas amosaban as coleccións, dende libros de plantas ata oriñais de todos os tamaños e formas.

Cando acabamos de ver os dous andares, fomos a outra casa que tamén pertencía á Fundación para ver a exposición do ferrocarril. Estaba chea de compases, máquinas, teléfonos antigos, traxes de maquinistas, aparellos de locomotoras e unha zona interactiva con vídeos que trataban este tema. Ao rematar saímos á última parte da exposición que estaba no xardín, nela exhibíanse dous vagóns de tren xa moi antigos.

Por fin marchamos andando cara á casa de Rosalía. Polo camiño un home díxonos que era mellor cruzar a vía do tren para non dar a volta. No outro lado había un hostal no que paramos a comer algo e recuperar forzas e, cando xa estabamos cheos, continuamos o camiño. Ao chegar entramos polo portal e fomos polo carreiro do xardín e por grupos fomos visitando a casa, na que se amosaban todos os cuartos coas pertenzas de Rosalía e os demais esperaban no xardín. Cando rematamos de velo todo, collemos as cousas e fomos ata o bus que nos trouxo de volta a Redondela.

Noelia Amoedo Darriba (4º B da ESO).

No hay comentarios:

Publicar un comentario