David D. Vázquez Álvarez nace o 6 de agosto de 1953 en Arcos de Valdeorras, concello de Vilamartín (Ourense). Realizou os seus estudos na Bañeza, Astorga e Ourense. É mestre de Ensino Primario, exercendo en Abanqueiro, Vilamartín. Actualmente imparte maxisterio no Barco de Valdeorras.
Escribe novela, contos infantís e xuvenís. E, aínda que “no baúl dormen varias historias agardando que lles chegue a súa hora”, contan na súa bagaxe obras como O ruliño branco (libro infantil de relatos curtos), Orballo da mañá (diario dunha nena de doce anos no sur de Marrocos, obrigada a montar nunha lancha, rumbo á terra prometida), Na solaina (historia de Ana, unha desas tantas mulleres que naceron na segunda década do século XX e que viu rota a súa vida pola marcha do seu ser máis querido á outra beira do océano na procura duns pesos e por unha guerra que nunca tiña que ter comezado, pola soidade, pola xenreira), Améndoas e flores silvestres (ambientada no século XI, Roi, o fillo dun ferreiro e servo do conde don Guzmán, foxe na compaña de Ana e xuntos van vivir estrañas aventuras como o seu encontro co rei Artur ou co Santo Graal).
Premios:
Foi galardonado en 1985 co Primeiro Premio no II Certame de Poesía A Ouriceira, Val do Incio (Lugo), cun conxunto de poemas titulados Ribeirán do Sil
En 2008 gaña o Primeiro Premio do VII Certame de relato curto “José Saramago” convocado pola Asociación de Bibliotecas de Santiago de Compostela, coa súa obra Laio na serra.
Publicacións:
Améndoas e flores silvestres. Colección Meiga Moira. Baía Edicións, 2008.
Na Solaina. Colección Meiga Moira. Baía Edicións, 2008.
O orballo da mañá. Colección Meiga Moira. Baía Edicións, 2006.
O ruliño branco, un libro de relatos e contos sacado á luz pola Asociación Pedagóxica “Vagalume” do Barco de Valdedorras en 2005.
Adaptacións teatrais para a escola pero a nivel local e algunha que outra obra para representar cos/coas seus/súas alumn@s, baseadas en contos populares.
Palabras do autor:
“Gústame moito a miña profesión e o mundo dos rapaces aínda que desexaría que non quixésemos convertelos en maiores antes de tempo, sen darlle a oportunidade de gozar da súa infancia, dos seus maiores e do agarimo que a nós nos deron”.
“Unha das miñas afeccións favoritas é camiñar pola aldea na que nacín á beira do regueiro Farelos, sentarme ao fresco das súas augas saltonas coa xente que coma min coñeceu na súa beira unhas paraxes virxes, fermosas...”
“Sinto un engado especial polo mar xunto ao que me achego en canto teño ocasión... talvez sexa porque nel coñecín hai preto de trinta anos á rapaza que desde entón comparte a miña vida”.
“Comecei a escribir no mesmo intre que descubrín que un papel era como un amigo ao que lle podes contar todo e que sempre está disposto a prestarche atención... cando comprobei que existían dúas clases de persoas: as que sempre podían falar aínda que non tivesen nada que dicir e as que tiñan que escoitar e gardar os seus pensamentos por importantes que fosen”.
Podes visitar tamén o encontro dos alumnos co autor: Encontro con David D. Vázquez Álvarez