non somos loucos!
Corpo e mente
Organizan: Proxecto de Biblioteca 2016-17 O corpo humano
e Departamento de filosofía.
Post redactado a partir de contribucións de todo o alumnado da materia de psicoloxía de 2º de Bacharelato.
Paz comezou a charla falándonos de como escolleu a carreira de psicoloxía. Aínda que ao principio foille mal o bacharelato, repetir 2º serviulle para pensar que quería dedicar toda a súa vida a axudar ás persoas que o necesitaban facendo a carreira de psicoloxía, e andando o tempo inclinouse pola psicoloxía clínica.
A psicomotricidade, a súa especialidade, entende a psicoloxía como expresión dun corpo. Intenta achegarse aos nenos a través do movemento e do xogo en lugar de tests.
Explicounos a diferenza entre un trastorno e un síntoma, cousas completamente diferentes. Por exemplo, unha depresión é un trastorno e ten incluídos moitos síntomas, entre eles a tristeza, pero non por estar triste se ten depresión. Unha persoa pode deixalo coa súa parella e ao día seguinte ter todos os síntomas necesarios para diagnosticar este trastorno, e iso non significa que o teña. Por isto hai que prestar moita atención aos síntomas e non conformarse con poñer unha etiqueta.
Dous casos
Un dos momentos que máis nos gustou foi a exposición que fixo de dous casos clínicos. Os nomes están cambiados para respectar a confidencialidade.
“Paula”, de 13 anos, era unha rapaza que sempre se comportaba ben. Unha gastroenterite impídelle ir de viaxe de fin de curso, e isto repítese cada vez que ten que viaxar. Despois de moitas probas decidiron levala ao psicólogo. Alí descubriron que o problema que tiña era que se esforzaba en exceso por compracer aos demais, o que a levou a ter moitos problemas tanto físicos como mentais. O acordo que tomaron foi que deixarían que Paula se enfadase (moderadamente) e se comportase de forma natural, e que non gardase todo para ela. Logo de varios meses xa case nin sentía dor e puido levar unha vida normal.
“María”, de 11 anos, era unha rapaza que estaba sempre pechada en si mesma. Tiña moitos tics, portábase mal e sempre trataba de chamar a atención. Na anámnese (a primeira entrevista na que se describen os síntomas principais) parecía que había problemas graves de relación social, pero logo de coñecela Paz descubriu que tiña unha gran sensibilidade, escribía unhas poesías asombrosas e o único que quería era que o seu pai volvese querela. O tratamento levou a estreitar o vínculo entre a familia aceptara e a súa filla e puideron solucionar o problema.
Recados, preguntas e impresións
A semana anterior a vir aquí preguntoulle aos seus pacientes se querían mandarnos algún recado. Dixéronlle que si: que os que imos ao psicólogo no somos loucos.
Fixémoslle estas preguntas:
Chegas sempre a un diagnóstico clínico antes de poñer ben á persoa?
Respondeu que a maior parte das veces non se trata de poñer unha etiqueta senón de traballar sobre os síntomas.
Ao chegar á túa casa es capaz de esquecerche de todo o teu traballo?
Dixo que non, xa que teño que darlle voltas en casa para buscar unha solución, e ademais, os pais mándanme mensaxes preocupados polos seus fillos.
Para ela e para moitos outros psicólogos o máis complicado do traballo é non xuntar o profesional co persoal, é dicir, que non lle afecten os casos nos que traballa.
Cal foi o caso máis complicado que tiveches?
Aínda estou tratando a unha persoa que comezou comigo o mesmo ano que empecei a traballar.
É máis fácil tratar con nenos que con adultos?
Non. As persoas adultas teñen a palabra, cos nenos hai que descubrir o que lles pasa mediante xogos e o que debuxan ou constrúen.
Aféctanche moito os casos?
A verdade é que hai casos coma o de María que si que te afectan, pero procuras que iso non suceda.
Agradecémoslle moito que nos falara desde un punto de vista tan persoal. A charla fíxose moi amena e aprendemos moitas cousas que non sabiamos. O feito de contar as súas vivencias influíu para crear unha relación máis estreita; fíxonos pensar máis coma se fose un consello, unhas experiencias ou mensaxes de ánimo propios dunha amiga que a relación típica que se crea neste tipo de charlas.
O que máis nos gustou foron os casos que presentou. Algúns momentos foron moi emocionantes. Con este tipo de cousas podes chegar a decatarte da sorte que tes de ter na túa vida acodes que che queren de verdade e preocúpanse por ti.
Fotos e álbum de visitas
Estas son algunhas imaxes do encontro e unha presentación que fixemos con comentarios de toda a clase (podes ampliar as fotos facendo click nelas):
|