DÍA DA MÚSICA, LUTHIER


MÚSICA NAS AULAS

Un outono musical achégase ás aulas do Pedro Floriani da man de Jean Marc van Loo, permitindo, tanto a alumnos como a profesores gozar dunha actividade educativa á vez que lúdica.

Din que o mundo das artes comparte espacios e persoas, seguramente foi ese o motivo polo que un dos profesores do centro tivese a idea de presentarnos un luthier. O  agasallo foi a presencia dunha persoa que mestura o coñecemento da música co da construcción artesá de instrumentos, sendo Jean Marc unha clara mostra deses profesionais aos que lles é imposible reducir o coñecemento dun instrumento á simple experimentación do mesmo, e decide aventurarse na titánica e agradecida labor da súa construcción.

Anécdotas da súa vida, que mesturou habilmente cun contexto instructivo e de amplo léxico, deixaban entrever unha basta cultura, recollida en tódolos sitios onde viviu e as experiencias con músicos cos que tivo o pracer de compartir, e chegando a cidades tan afamadas musicalmente como Los Ángeles. Todas estas cousas foron as que nos fixeron, con pracer, admirar o amor que sinte polo seu oficio.

Nun momento no que as tecnoloxías invaden de xeito indiscriminado o lecer a tódolos niveis, foi este luthier o que fixo entender a cada un dos presentes a importancia de cada peza de artesanía, mostrando, con gozo e orgullo, a exclusividade das súas creacións. Cada instrumento é unha peza única. A súa mostra gañounos a todos e a cada un.

Finalizamos a xornada, por desgracia breve, cunha representación do motivo que envolvía o acto en si e polo tanto a razón pola que acudiu a realizalo, o amor á música. Facendo uso dun baixo eléctrico –da súa autoría- concluíu a xornada cunha progresión de notas e acordes, acadando un caloroso e merecido aplauso dos presentes.

Reseña do 21/11/14

por Xandre Otero

No hay comentarios:

Publicar un comentario