CHARLAS "A REVOLTA DOS ANIMAIS" – 4

4ª sesión: O muíño de vento
... máquinas que farían o seu traballo mentres eles pastaban a pracer nos campos...

Na charla de hoxe analizamos o símbolo do Muíño de vento. Durante toda a novela, os animais tratan de construír un muíño pero por moitos motivos nunca chegan a conseguilo. Para que o querían? Que detalles da revolución soviética quere representar con isto George Orwell? Andrea Garrido, Marta Quintela e Paula Toucedo explicannos os conceptos marxistas previos, os sucesos históricos e as características da obra que nos fan pensar que é tanto un conto de fadas coma unha sátira.




Marta recórdanos a explicación marxista do desenvolvemento da historia: a burguesía cumpriu unha función de desenvolvemento da industria que supuxo un avance fronte ao feudalismo porque melloraba as condicións de traballo, pero unha vez no poder convertiuse nun obstáculo para a emancipación da clase traballadora. O que se deu en chamar Ditadura do Proletariado sería un paso necesario para permitir a chegada dunha sociedade sen clases.




Pero, como nos explica Andrea, a sociedade rusa non estaba industrializada e Stalin e Trotski rivalizaron, coma Napoleón e Snowball en A revolta dos animais, por construir a industria (o muíño) que, por outra banda, nunca chegou a facerse realidade, xa fose pola súa incapacidade, pola dureza das condicións meteorolóxicas ou polas guerras.
Todo isto aparece reflectido no libro nas acusacións de sabotaxe de Napoleón a Snowball (coma fixera Stalin con Trotski), no temporal que derruba a construción e na Batalla do Muíño, imaxe da Segunda Guerra Mundial.

Paula extrae as conclusións: os porcos vólvense coma os humanos (os dirixentes soviéticos vólvense coma os capitalistas) e chegan a negociar con eles (coma Stalin nas Conferencias de Ialta e Teherán), onde as acusacións de trampa no xogo semellan o comezo da guerra fría.
A obra ten caracteres satíricos evidentes na frase uns animais son máis iguais ca outros, pero tamén ten elementos do conto de fadas, coma o feito de que o tempo da narración, que segue claramente o paso das estacións e as labores do campo durante toda a obra, sofre unha aceleración ao final onde pasan, dun capítulo para o seguinte, varios anos, coma adoita suceder nos contos, onde un personaxe pasa de repente 100 anos sen que suceda nada... e a continuación precipítase o final.





Materiais para descargar

Coma sempre, podes baixar a presentación e máis o cartel picando nas iconas:

https://avellanacova.wikispaces.com/file/view/RevAn4_Cartel.doc/516197904/RevAn4_Cartel.doc

No hay comentarios:

Publicar un comentario