PROXECTO MULTIDISCIPLINAR 19-20: A TECNOLOXÍA NAS NOSAS VIDAS

PRESENTACIÓN DO LIBRO "8 SEÑALES"

 O xoves recibimos a visita de Noelia Míguez, que nos veu presentar o seu libro Ocho señales e falarnos da súa terrible experiencia como muller maltratada e vítima de intento de asasinato por parte da que era a súa parella. O seu testemuño foi sobrecolledor, pero quedámonos sobre todo coa forza e a enerxía que transmite na súa loita para intentar evitar que outras rapazas pasen polo mesmo. 

Moitas grazas, Noelia. Foi un pracer terte no Floriani. E grazas tamén a Lence, o noso profe de Relixión, que organizou a actividade. 






CONCURSO DE PI-RELATOS

 Aproveitando o DÍA DO NÚMERO PI, celebrado o 14 de marzo, o Departamento de Matemáticas e a biblioteca organizamos un concurso de relatos seguindo o número pi: a primeira palabra debía ter tres letras; a segunda, unha; a terceira, catro, e así sucesivamente...

A gañadora foi NEREA VEIGA, de 1º de Bacharelato. 

¡NORABOA, NEREA! 




DÍA DA POESÍA CON "ALDAOLADO"

Onte, 21 de marzo, foi o DÍA MUNDIAL DA POESÍA. E nós celebrámolo hoxe asistindo, xunto con compañeiras e compañeiros do IES Illa de San Simón e do IES Mendiño, a un espectáculo das marabillosas ALDAOLADO. Pasámolo xenial e constatamos, unha vez máis, que a poesía pode ser moi divertida. Moitas grazas ao Servizo de Normalización Lingüística do concello de Redondela, que o fixo posible. 




8 DE MARZO - DÍA DA MULLER

Para celebrar o 8M, na biblioteca organizamos unha actividade na que participou un bo grupo de profesoras e profesores e case todo o noso alumnado de diúrno.

O obxectivo da actividade era dar a coñecer entre o alumnado o traballo dalgunhas mulleres da nosa historia que, en moitos casos, foi silenciado durante décadas ou mesmo séculos. Así, o día 7 de marzo visitaron o noso patio grandes figuras como Rosalind Franklin, Exeria, Hedy Lamarr, Frida Kahlo, Hildegarde von Bingen ou Ernestina Otero, entre moitas outras. O alumnado tiña que dialogar con elas para coñecelas un pouco mellor e poder responder  a un cuestionario e, así, participar nun sorteo. A participación foi todo un éxito, as nosas alumnas e os nosos alumnos pasárono moi ben, aprenderon e algúns deles ata levaron premio!

No equipo da biblioteca estamos moi orgullosas da xente do Floriani e desde aquí damos as grazas a todo o profesorado e o alumnado que participou na actividade. Sodes @s mellores!!