En novembro de 2022 recordamos unha triste efeméride: o afundimento do petroleiro Prestige preto das nosas costas, que provocou a maior marea negra da historia de Galicia e que afectou moito a todas as Rías Baixas e, polo tanto, tamén a Redondela.
A maior parte do noso alumnado non nacera aínda e moitos nunca oíran falar do Prestige, así que no Floriani dedicamos uns días a contarlles todo aquilo, a animal@s a preguntar nas súas casas e a descubrir por si mesm@s, porque a memoria é importante e coñecer o pasado é o único que nos pode salvar de repetilo.
Aquí van algunhas fotos do que fixemos naqueles días: carteis, traballos sobre os ecosistemas mariños, exposicións...
Pero tamén quixemos que algunhas das persoas da nosa contorna que viviron aquela situación de preto viñeran para contárnolo e organizamos unha charla con Julio e José Manuel, que hai 20 anos eran, respectivamente, vicepatrón maior da confraría de Vigo e armador. Eles viñeron falarnos, en primeira persoa, da súa experiencia loitando contra o chapapote coas súas propias mans, impedindo así que entrase nas rías e que a catástrofe medioambiental e económica fose aínda peor. Moitas grazas aos dous por acompañarnos naquela mesa redonda, por ensinarnos tanto e por responder ás nosas preguntas. E moitas grazas tamén porque hai 20 anos tiveron moi claro o que había que facer e non dubidaron en dar un paso á fronte para salvar a ría, a pesar da incerteza e a falta de medios.