PROXECTO MULTIDISCIPLINAR 19-20: A TECNOLOXÍA NAS NOSAS VIDAS

20 ANOS DO PRESTIGE

 En novembro de 2022 recordamos unha triste efeméride: o afundimento do petroleiro Prestige preto das nosas costas, que provocou a maior marea negra da historia de Galicia e que afectou moito a todas as Rías Baixas e, polo tanto, tamén a Redondela. 

A maior parte do noso alumnado non nacera aínda e moitos nunca oíran falar do Prestige, así que no Floriani dedicamos uns días a contarlles todo aquilo, a animal@s a preguntar nas súas casas e a descubrir por si mesm@s, porque a memoria é importante e coñecer o pasado é o único que nos pode salvar de repetilo. 

Aquí van algunhas fotos do que fixemos naqueles días: carteis, traballos sobre os ecosistemas mariños, exposicións... 








Pero tamén quixemos que algunhas das persoas da nosa contorna que viviron aquela situación de preto viñeran para contárnolo e organizamos unha charla con Julio e José Manuel, que hai 20 anos eran, respectivamente, vicepatrón maior da confraría de Vigo e armador. Eles viñeron falarnos, en primeira persoa, da súa experiencia loitando contra o chapapote coas súas propias mans, impedindo así que entrase nas rías e que a catástrofe medioambiental e económica fose aínda peor. Moitas grazas aos dous por acompañarnos naquela mesa redonda, por ensinarnos tanto e por responder ás nosas preguntas. E moitas grazas tamén porque hai 20 anos tiveron moi claro o que había que facer e non dubidaron en dar un paso á fronte para salvar a ría, a pesar da incerteza e a falta de medios. 




Por último, quixemos lembrar aquela histórica cadea humana que a principios de 2003 uniu as vilas de Laxe e Muxía, zona cero da traxedia, e na que participaron rapaces e rapazas chegados de institutos de toda a xeografía galega, incluído o noso. Así pois, o 1 de decembro o alumnado dos tres IES da vila de Redondela (IES Mendiño, IES Illa de San Simón e IES Pedro Floriani) fixo unha pequena cadea humana recordando aquel momento. No noso caso, serviu como colofón das tres semanas que dedicamos no centro a traballar o tema do Prestige. 










ROTEIRO DE SAMAÍN


Este ano celebramos o Samaín cun roteiro por Redondela, aproveitando o tema do proxecto da nosa biblioteca. Pero non un roteiro calquera, senón un no que nos falaron de lendas, costumes e misterios relacionados coa nosa vila e que nin sospeitábamos. Foi do máis interesante!! Para iso contamos coa colaboración de Montse, de Mellor con guía, que foi a nosa cicerone por Redondela, e co alumnado de 3º de ESO. 

Repetiremos, sen dúbida!







SAMAÍN NA BIBLIOTECA E AULA DO TERROR

Así de terrorificamente chula nos quedou a biblioteca este Samaín, coa colaboración do alumnado e profesorado que se achegou nos recreos botar unha man...  







Como todos os anos, deixamos a biblio a escuras e contámoslles ás alumnas e alumnos de 1º de ESO a lenda do antigo alumno do Floriani Gabriel Couñago, espertando no auditorio algún que outro arrepío... 


E para rematar a celebración do Samaín, este ano a biblioteca contou coa colaboración do alumnado e as profes do Bacharelato de Artes, que montaron unha espectacular AULA DO TERROR pola que pasou practicamente todo o instituto. Foi xenial!! Aquí vos deixamos unhas fotos que non lle fan nada de xustiza, sobre todo as do interior, pero foi o que puidemos sacar cos nosos medios naquela terrorífica escuridade... 





CLUB DE LECTURA SOBRE MANGA

 Este ano iniciamos un novo club de lectura sobre manga, un xénero que goza de moita popularidade entre o noso alumnado. A acollida foi espectacular, pois apuntouse un bo número de persoas, tanto que a profe Inés (Debuxo), que ía ser a encargada, tivo que pedir reforzos. Á chamada acudiron prestos a botar unha man Santi (Galego) e Pablo (Inglés), así que a diversión e o bon facer están asegurados. 

Se premedes no enlace, accederedes ao blog do club, onde nos irán contando todo o que aprendan e compartan que, de seguro, será moito e moi interesante. 

ENLACE AO BLOG DO CLUB DE MANGA


HORA DE LER

 O 10 de outubro comezamos na biblio do Floriani a HORA DE LER. Este curso tiñamos algún problema para cadrar as datas de lectura co calendario de avaliacións, festividades, vacacións... despois de darlle algunha volta decidimos mudar o día de lectura e empezar polo luns.

Aquí está o calendario para o resto do curso. Se pinchas na imaxe, amplíase:







FORMACIÓN DE USUARIOS

Nesta primeira semana de outubro tivemos a formación de usuarios de 1º ESO, o noso alumnado máis novo e recén chegado ao centro. 

Primeiro démoslles a benvida e explicámoslles, entre outras cousas, as normas da nosa biblioteca, como está organizada, que pasos deben seguir para buscar un libro nela ou que teñen que facer para levar libros en préstamo. 

Despois, para poñer todo ese coñecemento en práctica, fixemos un xogo por equipos no que o mapa de Redondela nos daba as pistas precisas para identificar os tejuelos dos libros misteriosos que estaban agochados nos andeis da biblioteca. Dese xeito, introducimos tamén na dinámica o tema do proxecto integrado deste curso e aprendemos algunha cousa curiosa que non sabíamos sobre a nosa vila. 

Finalmente, aproveitamos para entregar os novos carnés de usuarios e estrealos collendo libros para a hora de ler. 





NOVO CURSO, NOVO PROXECTO...

       Na biblio do Floriani xa estamos traballando a tope, poñendo en marcha o curso que acabamos de comezar e felices de non ter xa as restriccións dos anos anteriores... ¡por fin podemos vernos as caras e xuntarnos na biblio sen incómodas mamparas polo medio!

    O curso 2022-23 comezou, coma sempre, con moito traballo e moitas présas. A nosa coordinadora dos últimos anos, Pili Dios, deixou o Floriani a finais do curso pasado para emprender novas aventuras e retos noutro lugar. O listón estaba moi alto, pero aínda así atopamos un grupiño de xente disposta a tentar dar continuidade á labor desenvolvida con tanto cariño por Pili nos últimos anos e a facer que o biblio do Floriani non esmoreza. Agardamos estar á altura!

    Unha das primeiras cousas que fixemos foi decidir o tema do curso 2022-23 e fixémolo en colaboración coa vicedirección, o equipo de dinamización lingüística e o responsable da radio escolar. Entre todos pensamos que era boa idea dedicar este curso a coñecer un pouco mellor a nosa contorna e diferentes aspectos do lugar no que vivimos, así que imos traballar sobre REDONDELA, e xa vos adiantamos que temos un montón de ideas que vos iremos contando pouco a pouco, ¡estade ben atent@s!

   

 



    

RECOMENDACIÓNS LECTORAS

RECOMENDACIÓNS LECTORAS VERÁN


O equipo de bibliofloriani quere desexarvos felices vacacións e boas lecturas. Para elo aquí tendes as nosas recomendacións para todos os públicos para este verán. Disfrutade lendo!!👍

 

OBRADOIRO DE DANZA

                    A VOZ DO MOVEMENTO

 A expresión do corpo, do movemento, dos  pequenos xestos, de dinámicas grupais foi o que Marcia Vazquez traballou cos grupos de 3º ESO.

Descubrimos outra forma de expresarnos para a que non é necesaria a voz se non máis ben a escoita activa doutro/a.








EXPOFLORIANI: Estou ben no mundo.


          EXPOFLORIANI: " Mudando ó mundo"

 O pasado mércores 15 de xuño tivo lugar no patio do noso IES a presentación de proxectos ABP que o noso alumnado de 3º,4º ESO e 1º Bacharelato viñeron desenvolvendo durante todo o curso. 

Todos os traballos tiñan como temática central o lema do noso PIC: " Estou ben no mundo" e baseáronse en saúde, ecoloxía, orientación, discapacidade, lecer e arte.

Os gañadores resultaron ser o grupo de 1º Bac B con Redondela en Braille. Un proxecto que auna a atención á discapacidade co reciclaxe e que terá grande repercusión na nosa vila.

En breve publicaremos unha web con todos os proxectos para que todo aquel que non puido asistir se deleite cos excelentes traballos dos nosos rapaces e rapazas.