PROXECTO MULTIDISCIPLINAR 19-20: A TECNOLOXÍA NAS NOSAS VIDAS

CONTOS, MITOS E LENDAS DA CONTORNA ANGLOSAXONA

Para rematar o primeiro trimestre en 1º Bach. fixemos un traballo nas materias de Inglés e Filosofía sobre a literatura de orixe popular das Illas Británicas, Dinamarca, a conca do Rhin, Canadá e Estados Unidos. O traballo encadrábase dentro do Proxecto de Biblioteca deste ano: Os contos.
Buscamos datos históricos e xeográficos sobre os relatos (zona da que proceden, época na que se escribiron…) e unha interpretación dos símbolos: que sentido teñen os animais, obxectos, forzas da natureza, etc. que aparecen no texto? Pero hai dous temas aos que lles demos especial importancia, a estrutura do relato e a imaxe da muller.
Sobre a estrutura estudamos os sete argumentos básicos que describe Thomas Booker: Vencer ao monstro, Da pobreza á riqueza, A busca, Viaxe e retorno, Comedia, Traxedia e Renacemento. Tomamos esta clasificación como punto de partida para ver a cal dos sete se axusta mellor cada relato.
En canto ao papel da muller, estudamos as características das personaxes femininas e, en particular, se o relato pasa o test de Bechdel, isto é: se hai polo menos dúas personaxes femininas relevantes e charlan entre si nalgún momento sobre algún tema que non é un varón.

Contos folclóricos das nacións nativas americanas
Adoitan tratar sobre temas relacionados cos ciclos da natureza: as estacións e as colleitas, a caza e a pesca… O protagonista é habitualmente un varón e frecuentemente ten que realizar unha viaxe, que ten o valor simbólico do cambio ou a adquisición da madureza. Hai elementos máxicos relacionados cos animais terrestres e as aves. Os argumentos máis característicos, na clasificación de Booker, son Da probreza á riqueza, A busca e Viaxe e retorno.
Frecuentemente as mulleres son un obxectivo a acadar, p.ex. no matrimonio, ou axudantes máxicas pero tamén perigosas: o mundo feminino sempre ten algún perigo para os guerreiros. Porén, en ocasións vemos a dúas mulleres falando das cousas que lles gustan ou interesan, polo que algúns destes relatos pasan o Test de Bechdel .

Lendas e contos das Illas Británicas.
Adoitan estar vinculadas a un punto xeográfico determinado, como unha montaña, unha praia, un mercado, etc. nos arredores dunha cidade. Aparecen seres máxicos como fadas, elfos, sereas, xigantes e outros (frecuentemente de xénero indiferenciado: palabras como fairy ou elf non son masculinas nin femininas en inglés, e hai fadas varóns e femias, igual que elfos ou sereas). A presenza da maxia é frecuentemente negativa xa que, ao final da historia, os efectos prexudiciais son máis poderosos cós benéficos.
Os personaxes son indistintamente masculinos ou femininos pero viven nun mundo no que rexen as normas heteropatriarcais: os lugares altos das xerarquías ocúpanas os varóns, a finalidade de vida e casar e establecer unha familia, etc. Aínda que hai personaxes femininos importantes, rara vez falan entre si e ocúpanse de temas que sempre teñen que ver cun varón polo que non adoitan pasar o test de Bechdel.
As estruturas de Booker máis habituais son Da pobreza á riqueza, Viaxe e retorno, Traxedia e Renacemento. Frecuentemente recoñécense estereotipos da tradición indoeuropea como Cincenta, Jack o das fabas máxicas, etc.

Beowulf, o Cantar do Nibelungo e o Ciclo Artúrico.
Tamén analizamos estes poemas épicos, o primeiro nunha versión abreviada e os outros a través de resumos das óperas de Wagner O anel do Nibelungo e Parsifal.
Beowulf ten a estrutura básica de Vencer ao monstro e as óperas de Wagner as de A busca e Viaxe e retorno.
Entre as mulleres destacan a nai de Grendel, tan monstrosa e terrorífica coma o seu fillo (pero ela nin sequera chega a ter nome) e Kundry, un complexísimo personaxe de Parsifal, que xunta en si todas as características do personaxe salvaxe ao principio da obra, a muller sensual no desenvolvemento e a pecadora arrepentida ao final: Unha colección completa de prexuízos e estereotipos sobre a muller nun mundo de deuses, heroes e cabaleiros.
(Pica nas imaxes para ampliar)