O Estranxeiro (Albert Camus, 1942) é
unha novela que permite discutir sobre moitos temas: a
importancia das emocións e a razón, o colonialismo, o amor e a violencia na parella, a xustiza e
a pena de morte, a guerra, a verdade e a mentira... Cada quen
interpreta esta historia dun xeito propio, e sempre nos proporciona o pracer
de ver discutir a persoas que teñen distintas opinións coa
intención de profundar nos seus propios puntos de vista máis que de convencer á
outra.
Na nosa reunión do club de lectura as
dúas principais posicións estaban representadas por Celeste e Flora.
Celeste entende que Mersault vive a morte da nai cunha emoción
contida, que estoupa cando dispara por primeira vez contra “o
árabe” e que lle fai dar despois os outros catro tiros; cando ao final
está esperando que se cumpra a condea recupera o desexo de vivir,
comprende á nai e imaxina a súa vida con María. Pola súa banda,
Flora pensa que nel todo é insensibilidade: quere a María polo
pracer que ten con ela, acostúmase sen problemas a estar deitado no cárcere esperando a morte
e en ningún momento ten sequera un atisbo de arrepentimento polo
asasinato que cometeu.
Pilar chama a nosa atención sobre os
personaxes femininos da novela: a nai, María, as mulleres “árabes”
(Hajar fainos ver que “árabes” son, en realidade, as persoas de
Arabia, non as do Magreb...), a rapaza que toma notas nunha revista
de televisión ou a muller automática que traballa no xulgado
como estenotipista. Hai unha relación entre colonialismo e machismo,
que se ve no xeito en que Raimundo trata á súa noiva “árabe”.
Charlamos sobre a xustiza, sobre a
guerra, sobre a pena de morte... Emilio chama a atención sobre o
tema do absurdo na obra de Camus: “Un non cambia xamáis de vida”.
Noelia
aporta a perspectiva clínica: Pódese curar unha persoa como Mersault? O
problema é que, en moitas ocasións, esa mesma falta de sentimentos é un
síntoma doutro problema psicolóxico máis grave, quizais unha
esquizofrenia ou un transtorno profundo da personalidade.
Acabamos a reunión con suxestións de
novas lecturas (Obras de Camus, Sartre e Simone de Beauvoir que hai na
biblioteca, comics sobre o existencialismo, Camus e Sartre, etc.),
repartimos os libros para a próxima sesión... e levamos unha rosa
para casa, para celebrar o día do libro. Parabéns a todas/os as/os
lectoras/es!
Pica na imaxe para descargar a nosa
presentación multimedia sobre O estranxeiro