PROXECTO MULTIDISCIPLINAR 19-20: A TECNOLOXÍA NAS NOSAS VIDAS

Francisco Fernández del Riego

O pasado 26 de novembro falecía o intelectual e ilustre galeguista Francisco Fernández del Riego aos 97 anos, no seu domicilio da praza de Compostela, en Vigo.


Nacido en Vilanova de Lourenzá, en Lugo, no ano 1913, foi unha das figuras máis relevantes do ensaio e a crítica literaria galega. Avogado de profesión, comezou a militar nas filas do galeguismo durante o período republicano, intervindo en diversos proxectos do grupo Nós, o Seminario de Estudos Galegos e Galeuzka.
Xa na etapa da Ditadura, dende o ano 40 colaborou co movemento político e cultural galego que se estaba a realizar desde Bos Aires.
En 1943 iniciou os contactos con algúns dos galeguistas superviventes da Guerra Civil para considerar a posibilidade de reorganizar o Partido Galeguista na clandestinidade. Cando esta reorganización se levou a cabo, Fernández del Riego pasou a ser un dos principais responsables da política clandestina do galeguismo, afrontando con decisión todos os riscos e sacrificios que esa responsabilidade levaba consigo.
Del Riego loitaba ao mesmo tempo desde a clandestinidade interior e desde a fronte cultural do exilio.
No ano 1950 nace a Editorial Galaxia, da que foi un dos seus fundadores xunto con Ramón Piñeiro e Xaime Illa Couto. Desde ela dirixiu xunto a Ramón Piñeiro nos seus primeiros números a revista Grial.
En 1960 ingresou na Real Academia Galega e foi o seu presidente entre novembro de 1997 e maio do 2001. Tamén foi o impulsor de moitas actividades culturais, entre elas o Día das Letras Galegas
Apaixonado por Galicia asinou co seu nome ou baixo pseudónimos como Salvador Lorenzana miles de artigos en xornais e revistas de América, Galicia, Madrid ou Cataluña, ademais de libros de divulgación referentes a temas galegos, creación, libros de memorias e tamén de viaxes.
Pasou a maior parte da súa vida en Vigo, e foi precisamente a esta cidade á que doou, no ano 1995, os seus fondos bibliográficos, documentais e artísticos, que se poden contemplar na Fundación Penzol, da que foi presidente ata finais do 2009.
Entre os seus libros destacan ensaios sobre a cultura e a literatura galegas como Historia da literatura galega (1984), Galicia no espello, Dicionario de escritores en lingua galega, A xeración Galaxia e estranxeiras, como Letras do noso tempo.
Cultivou tamén a narrativa (O cego de Pumardedón) e a literatura de viaxes (As peregrinacións xacobeas, O camiño de Santiago e Galicia). Editou antoloxias poéticas e libros de vocabulario, escribiu gran número de artigos poéticos e biografías. Tamén é autor dun libro de memorias, O río do tempo (1991). No 2003 recompila a súa correspondencia con Cunqueiro e edítaa en Galaxia co título Cartas ao meu amigo. Epistolario Mindoniense. No ano 2004 publica con Galaxia as súas memorias baixo o título de Camiño andado.
Como unha das principais figuras de Galicia, foi recoñecido con numerosos galardóns, como o Premio Trasalba, o Pedrón de Ouro, a Medalla de Ouro da Cidade de Vigo, o Premio de creación Cultural da Xunta de Galicia, o Premio Celanova, o premio A casa dos Poetas, unha Medalla Castelao, o Premio das Artes e das Letras de Galicia e outros.



Foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo e Galego Egrexio pola Fundación dos Premios da Crítica.
O actual presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, na homenaxe que se lle fixo no CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) explicoulles aos persoeiros reunidos o papel de Del Riego na historia recente de Galicia e no seo da Real Academia Galega: “Del Riego estaba moi preto do espírito fundacional de Curros e Murgía. Tiña un pulo humanista e democrático que o moveu, contaba cun corazón cheo de amor ao ben común”, e engadiu que “a RAG defíneo no seu pasamento como unha mente luminosa cunha vontade de ferro ao servizo da patria”.

Na nosa biblioteca figuran as seguintes obras de Francisco Fernández del Riego:

PEQUENA BIBLIO-BIOGRAFÍA DE XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN

Traballo realizado por alumnos de 2º Bacharelato Humanístico: biografía por Gonzalo Otero García, bibliografía por Cristina Rodríguez Salgado e reflexións sobre a narrativa galega por Lucía Balseiro Koolman e Andrea del Río Casal.

Biografía

Xosé Luís Méndez Ferrín nace o 7 de agosto de 1938 en Ourense, onde reside na infancia con algunhas estancias en Celanova. Na súa cidade natal fai o seu primeiro curso de bacharelato, e trasládase en 1949 coa súa familia a Pontevedra onde termina os seus estudos de grao medio. Un ano máis tarde comeza a espertar o seu interese na política, a cal marcaralle o seu afán nacionalista.

No ano 1955 trasládase coa súa familia a Vigo. Abandona esta cidade para estudar Filosofía e Letras na universidade de Santiago de Compostela, tendo alí contacto co galeguismo cultural vencellado á Editorial Galaxia e á figura de Ramón Piñeiro.

En 1956 obtivo o seu primeiro premio de poesía nas Festas Minervais de Santiago. En 1957 foi a Madrid, onde segue mantendo un estreito contacto co galeguismo, e tres anos despois licénciase en Filoloxía Románica. En 1961 segue un curso de cultura inglesa na universidade de Oxford, e entre os anos 1963 e 1965 realiza varias viaxes por Europa.

Despois de facer o servizo militar en Canarias; de 1962 ata 1964 exerce de profesor en Lugo no colexio Fingoy ata que en 1965 obtén a cátedra de Lengua y Literatura Española no instituto Santa Irene de Vigo, cidade onde se instala. No ano 2008 xubílase e abandona a docencia.

Actualmente é columnista no xornal Faro de Vigo e dirixe a revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro. Ferrín é membro da Real Academia Galega, neste momento o seu Presidente, e doutor Honoris Causa pola universidade de Vigo.

Bibliografía

Poemarios:

Vocé na néboa (1957). Sete poemas que deben adscribirse, tanto polo ton como pola temática, na poesía existencialista que caracteriza a “Escola da Tebra”.

Antoloxía Popular (1972). Baixo o pseudónimo de “Heriberto Bens”, é un poemario de vocación e mensaxe socio-política en clave independentista e revolucionaria.

Sirventés pola destrucción de Occitania (1975)

Con pólvora e magnolias (1976). Sen abandonar o discurso e a reivindicación político-social, dá un pulo cualitativo coa introdución de elementos estéticos e formais novidosos.

Poesía enteira de Heriberto Bens (1980). Recompila os textos de Antoloxía popular máis o poema longo “Sirventés pola destrucción de Occitania”.

O fin dun canto (1982). Contén poemas intimistas, composicións de reflexión sobre a vida, poemas evocativos de persoas e cidades..., estruturados en tres partes.

Erótica (1992)

Estirpe (1994). Procura as raíces do noso pasado prehistórico e actúa ao xeito pondaliano, depositando a súa mensaxe en diferentes elementos naturais e simbólicos.

Contra Maquieiro (2005). Premio Losada Diéguez.

Narrativa:

Percival e outras historias (1958). Catorce contos caracterizados pola creación dun clima de misterio que chega a desembocar no terror, polo emprego de topónimos e antropónimos de resonancias nórdicas e orientais, pola mistura de elementos míticos e obxectos cotiáns e pola presenza do mundo lendario celta.

O crepúsculo e as formigas (1961). Relatos que se desenvolven nun ambiente urbano cheo de sordidez e poboado por personaxes patolóxicas e marxinais. Abordan temas como a violencia, a morte, o medo, os conflitos políticos..., nun realismo cru, case naturalista.

Arrabaldo do norte (1964). Seguindo a técnica obxectivista do nouveau roman francés: un personaxe anónimo á procura dun obxectivo impreciso nunha cidade inominada... Abundan as descricións demoradas dunha xeografía urbana desolada e despoboada.

Retorno a Tagen Ata (1971). Alegoría de política-ficción onde se explica a aparición do nacionalismo revolucionario galego dos 70 e a súa ruptura co culturalismo piñeirista, a loita entre as maneiras de interpretar o nacionalismo.

Elipsis e outras sombras (1974). Conxunto de relatos que constitúen unha visión aterradora da violencia institucional contra os rebeldes e os inconformistas.

Antón e os inocentes (1976). De ambiente urbano e protagonizada por un mozo e unha moza, ambos estudantes, que retrata en certo xeito a mocidade dos anos 50. Novela de aprendizaxe, tinxida de autobiografismo, onde os protagonistas perden a inocencia e enfróntanse á realidade do mal e da inxustiza.

Crónica de Nós (1980). Conxunto de oito relatos que abordan o mundo das guerrillas dos anos 40, o ambiente universitario compostelano do tardofranquismo, o universo interno da UPG, etc.

Amor de Artur (1982). Cinco narracións que recrean os mitos bretóns ou artúricos.

Arnoia, Arnoia (1985). Relato longo que narra as aventuras dun adolescente de dezasete anos, que desexa regresar á súa terra e para iso debe pasar unha serie de probas.

Bretaña Esmeraldina (1987). O protagonista, Amaury, vive nunha cadea política na que se erguen tamén os muros da cadea psicolóxica e as reixas da cadea literaria.

Arraianos (1991). Ollada e a imaxinación sobre un territorio, nas concas do Limia e do Arnoia, contra as serras do Xurés.

No ventre do silencio (1999). Recupera a historia dunha xeración de universitarios composteláns dominado polo espírito mediocre, fanático e atafegante do nacional-catolicismo franquista.

Fría Hortensia e outros contos (1999). As súa historias proceden do mundo da Raia, espazo fronteirizo entre Galicia e Portugal, habitado por criaturas misteriosas e primitivas, persoas trasgresoras, que viven nun espazo mítico xerador de conflitos.

Outros xéneros:

De Pondal a Novoneyra (1984). Ensaio literario que ofrece unha panorámica da poesía galega desde o bardo do Rexurdimento ata o poeta do Courel.

Conversas con Xosé Luís Méndez Ferrín.


A nova narrativa galega

A chamada “Nova Narrativa Galega” é un conxunto de obras editadas entre fins dos 50 e comezos dos 70 que inauguran un novo xeito de narrar. A introdución de novidades técnicas e temáticas patentizan a continuación da renovación narrativa que xa se iniciara co Grupo Nós, aínda que as liñas anovadoras seguidas poidan contraporse, ás veces, con outras fórmulas novedosas contemporáneas (a recreación do canto tradicional oral e popular, a novela fantasiosa ao xeito de Cunqueiro…)

A NNG supón a asimilación consciente dunha serie de técnicas, temas e procesos fondamente renovadores utilizados na narrativa universal do século XX. De aí a influencia de James Joyce e o emprego da técnica do monólogo interior, o mundo impreciso kakfkiano sen fronteiras entre o real e o soñado ou a incorporación da experimentación con técnicas cinematográficas de Jhon Dos Passos.

Os autores da NNG reflicten nas súas obras a sociedade alienante e insegura da ditadura franquista a través do desequilibrio e illamento que caracterizan os seus personaxes. Por outra banda, transmiten unha visión desacougante da realidade, valéndose das manifestacións e da recreación de mitos e lendas. As novelas abordan temas como o da a vida deshumanizada nas cidades, destacando o predominio dos espazos novelescos urbanos onde existe unha recorrente apelación a mundos absurdos, fantásticos, irracionais,…

A novela da NNG xa non ten como obxectivo primordial contar unha historia interesante para entreter o autor, senón que agora existe un lector competente activo disposto a afrontar todo tipo de dificultades que lle formula a lectura. A condición dun lector competente derivado da dificultade técnica e temática destas novelas, vai derivar nun escaso éxito comercial.

Xorden novos temas, como os filosóficos e simbólicos, plasmando á súa vez enormes frustracións, angurias e desacougos da sociedade contemporánea.

Con respecto ao plano formal, é unha novela en constante proceso de renovación técnica, utilizando tamén recursos doutras artes como no cinema, a pintura e o cómic.

Fronte ao narrador omnisciente e aos personaxes como simples monicreques da novela clásica; na novela moderna a omnisciencia vai ser destruída, limitándose a contar o que observa, adoptando, en ocasións, un ton biográfico que deriva no uso da primeira persoa en vez da tradicionalmente terceira.

Tamén haberá un cambio no enfoque que pasará a ser múltiple, dando vida aos personaxes e contribuíndo a dar outras perspectivas da realidade. Normalmente nas novelas contemporáneas os protagonistas acostuman ser individuos insignificantes e sempre conflitivos, desarraigados, solitarios, moi lonxe do heroe das novelas clásicas.

Fronte a preferencia na narrativa do XIX polo tempo lineal, na narrativa contemporánea anúlase o sentido durativo, redúcese ao máximo o tempo, rexéitase a cronoloxía lineal e dáse entrada á cronoloxía vital.

En resumo, a Nova Narrativa Galega presenta os seguintes trazos: fuxida da localización concreta dos espazos, pluralidade de voces narrativas, creación de mundos literarios artificiais e enigmáticos, presenza reiterada da violencia e da tensión nas relacións humanas e, por último, a práctica da intertextualidade con abundantes referencias literarias e culturais.

Podes visitar tamén o encontro dos alumnos co autor: Encontro con Méndez Ferrín no Verbum

X. A. PEROZO: Espérame.

Ed.: Xerais
1ª edición: 2006
Sipnose:
Lola, propietaria da santiaguesa boite “Toulouse Lautrec”, conta cada noite sobre o escenario o que foi a súa vida, que xirou arredor do seu traballo como cabareteira e as súas relacións con tres homes: Paco, o veciño do seu tempo da afastada aldeíña de Couzadoiro, onde ambos os dous naceron; Raúl, o coronel que lle puxo casa na viguesa rúa Colón; e o xeneral Aniano, o seu socio, co que chegaría mesmo a casar. Acompañada sempre por Reme, a súa secretaria e confidente, e por Rufino, o seu profesor de canto, a rapaciña aldeá converterase nunha das mulleres máis desexadas do seu tempo. A ruína que se produciu no mundo rural galego nos últimos cincuenta anos e a imposibilidade do amor, concibido como unha falacia que só beneficia aos homes, son temas centrais desta novela de Xosé A. Perozo de lectura apaixonante que dá conta dos tempos difíciles do franquismo.

Se queres saber máis sobre X. A. Perozo...

X. A. PEROZO: Segunda convocatoria.

Ed.: Xerais, 2004
Sipnose:
Alberte, tras a morte do pai, pretende construír o argumento dun conto escrito sen zetas onde se falase do zeta… Xenaro, tras moitos anos de matrimonio, acaba de separarse e mastiga a súa soidade no café bar Azul observando pola ventá o mundo que se desborda. A aparición na Porta Faxeira de Salomé, un amor de mocidade que visita Compostela para participar nun congreso, lévaos a desennobelar o seu pasado e vivir intensamente esa noite de amor que deixaron pendente hai vinte e cinco anos… O amante de Irene sempre desexou ter unha aventura erótica cunha contorsionista chinesa, unha recreación onírica que o persegue dende a súa infancia…A silueta de Lidia impregnaba a inmensidade da tea coa que Damián pretendía inmortalizar o seu xogo diabólico de dominación sobre a súa amante e modelo. Argumentos que conforman o novo libro de relatos de Xosé Antonio Perozo, catorce historias de novas oportunidades e erros reversible, onde se mestura a maxia con acontecementos imprevistos. Un libro sensual, que avala entre o erotismo e a melancolía da perda, na procura da sorpresa e a reflexión sobre a transcendencia de cada lector.

Se queres saber máis sobre X. A. Perozo...

Segunda convocatoria.

Autor: Xosé A. Perozo
Ed.Xerais, 2004
Sipnose:
Alberte, tras a morte do pai, pretende construír o argumento dun conto escrito sen zetas onde se falase do zeta… Xenaro, tras moitos anos de matrimonio, acaba de separarse e mastiga a súa soidade no café bar Azul observando pola ventá o mundo que se desborda. A aparición na Porta Faxeira de Salomé, un amor de mocidade que visita Compostela para participar nun congreso, lévaos a desennobelar o seu pasado e vivir intensamente esa noite de amor que deixaron pendente hai vinte e cinco anos… O amante de Irene sempre desexou ter unha aventura erótica cunha contorsionista chinesa, unha recreación onírica que o persegue dende a súa infancia…A silueta de Lidia impregnaba a inmensidade da tea coa que Damián pretendía inmortalizar o seu xogo diabólico de dominación sobre a súa amante e modelo. Argumentos que conforman o novo libro de relatos de Xosé Antonio Perozo, catorce historias de novas oportunidades e erros reversible, onde se mestura a maxia con acontecementos imprevistos. Un libro sensual, que avala entre o erotismo e a melancolía da perda, na procura da sorpresa e a reflexión sobre a transcendencia de cada lector.

X. A. PEROZO: O vento de Antón.

Ed.: Xerais, 2004
Ilustradora: María Lires
Sipnose:
A Antón góstanlle moito as castañas asadas. A avoa Salomé dille que non coma tantas que lle van facer dano, pero Antón non lle fai caso. As castañas rematan pelexando no estómago de Antón e a barriga comeza a medrar...

Se queres saber máis sobre X. A. Perozo...

X. A. PEROZO: Caderno de Riparia

Ed.: Xerais, 2004
Sipnose:
O famoso escritor Simón Carrera pasa as vacacións de agosto en Riparia, unha illa pequena, onde os seus poucos habitantes están acostumados a convivir coas pantasmas. Dende a primeira noite na casa solitaria dos catro camiños, que alugou a Cacabi, o alcalde e cacique do pobo, descubrirá o rostro dun aforcado que se disolve na penumbra da madrugada. Aquela casa, onde o Simón pretendía tecer o argumento da súa nova novela, gárdalle unha historia tráxica e inquedante que se nega a ser borrada da memoria do tempo. “Caderno de Riparia” de Xosé A. Perozo, obra gañadora do Premio de Novela por entregas de la Voz de Galicia 2003, é unha engaiolante narración de intriga que esculca os labirintos da memoria e as feridas dos acontecementos daqueloutro verán de 1936. Unha novela fascinante onde se mesturan as pantasmas, as sombras e os pesadelos dun lugar maldito co sol do verán sobre un mar largacío que ilumina a descuberta dun vello segredo.

Se queres saber máis sobre X. A. Perozo...

X. A. PEROZO: Martazul

Premio Blanco Amor, 2001.
Sipnose:
Martazul viaxa en tren de Vigo a Madrid cun propósito: asasinar ao seu amante, un home próximo á cincuentena que foi para ela unha especie de Pigmalión, e emprender despois unha longa fuxida por Europa. A historia entrelázase coas lembranzas da protagonista que, pouco a pouco, van reconstruíndo unha vida dominada por un imparable frenesí amatoria e que confire á novela un alto contido erótico: o propio autor calcula que nas súas 360 páxinas a protagonista mantén uns douscentos escarceos sexuais con homes ou con mulleres.

Se queres saber máis sobre X. A. Perozo...

LECTURA DE LENDAS CELTAS POR SAMAÍN

COLABORACIÓN CO PROXECTO INTERDISCIPLINAR DO CENTRO

O Samaín deste ano quixemos celebralo coa lectura de lendas celtas. Colaboramos, deste xeito, dende a biblioteca co proxecto interdisciplinar do noso centro: A rexións celtas do mundo.

Para ver a noticia e as nosas fotos, preme aquí...

LECTURA DE LENDAS CELTAS POR SAMAÍN

COLABORACIÓN CO PROXECTO INTERDISCIPLINAR DO CENTRO

O Samaín deste ano quixemos celebralo coa lectura de lendas celtas. Colaboramos, deste xeito, dende a biblioteca co proxecto interdisciplinar do noso centro: A rexións celtas do mundo.
Escollemos unha selección de lendas en galego e en versión orixinal inglesa. O alumnado fixo unha lectura colectiva sobre un fondo musical de Carlos Nuñez e unha proxección de diapositivas con imaxes celtas.
A valoración da actividade foi moi positiva tanto polos estudaintes como polo profesorado.




As lecturas

2º A ,b e agrupamento

- a lenda de black gang chyne
Illa de Wight

Preto de Bretaña, no Canal da Mancha, sitúase a illa Wight. En 1839, Abraham Elder publicou o libro Contos e lendas da illa de Wight, no que aparecía A lenda de Black Gang Chyne, a loita entre un ermitán e un monstro que daría como resultado unha das máis desoladoras paisaxes da illa: os cantís de Black Gang Chyne.

- Diarmaid e Grainne (Escocia)

Con Irlanda, Escocia foi o gran paraíso dos folcloristas decimonónicos, apoiados por personalidades coa categoría de Walter Scott e por unha terra onde o mar, as montañas e os vales debuxan labirintos e escenarios que máis semellan imaxinados que naturais.
Diarmaid e Grainne ten unha raizame máis fondamente escocesa, ou mellor dito, gaélica, xa que forma parte da gran saga de Fionn, compartida por Irlanda e Escocia. Fionn é un heroe mítico comparable, en máis dun sentido, co rei Arturo. De nome completo Fionn mac Cumhaill, disque foi un rei que viviu no século III e a quen a tradición inmortalizou xunto coa súa Fianna, grupo de guerreiros e cazadores, moi semellante aos cabaleiros da Táboa Redonda. No presente relato cóntase a tráxica historia protagonizada por Grainne, esposa de Fionn, e o guerreiro Diarmaid, sobriño deste.

Contos populares (Folk Tales)
Os contos populares ingleses ofrecen unha rica mistura de elementos históricos, de celebracións, festíns, de persoaxes máxicos como druidas, fadas, trasnos, así como os petencentes ao pobo: santos, soldados, mineiros, pastores, reis e raiñas…
Neles percibense influencias dos comerciantes flamencos e alemáns, de aventureiros noruegos e daneses mesturadas con elementos máis cercanos como os irlandeses e galeses.
Todas estas lendas e contos eran parte da vida cotiá dos labregos e labregas e son unha clara mostra da sabiduría popular colectiva.

4º a

- The sunken city of llyn bala ( lenda popular galesa)
O tema deste conto é común entre os contos populares galeses. A situación do lago dícese que era onde agora se situa a cidade de Swamsea.

4º b

- A cure for a fairy ( conto popular de EASt Anglia)
Foi recopilado nos anos sesenta na rexión cercana a Cambridge.
- The headless woman ( lenda de Lancashire)
- The flaycrow( scarecrow) ( conto popular de Yorkshire)


A LENDA DE BLACK GANG CHYNE
( Adaptación da profesora Rosa Ligero)

NARRADOR: (Con voz grave e medrosa) Houbo un tempo en que os habitantes de Wight sentían auténtico medo, cando vivían baixo o terror do xigante Chale.
CORO A: O xigante de Chale era poderoso e grande, e prefería a carne humana á de porco.
CORO B: Escollía os que eran altos e fortes e cos gordos facía estufado na súa propia salsa.
CORO A: Ataba os nenos con cordas de arame e asábaos na grella con lume de carbón.
CORO B: Pintaba as mans co sangue vermello da xente.
CORO A: (Mentres os membros do coro B rin ás gargalladas) Ría, axitando as illargas, e dicía.
XIGANTE: (Con voz de xigante) Non temo o santo na súa cela solitaria; non temo ó libro; nin temo á campá; non temo ao ceo, nin temo ao inferno; vivo de carne humana e séntame moi ben. (Os membros do coro A fan unha gargallada atronadora).
NARRADOR: O santo estaba de xeonllos, rezando por aqueles que morreran, e os que habían morrer. E cando alzou a voz en oración escoitou as blasfemias voando polo aire. O santo sentiu un gran medo e puxéronselle de punta todos os pelos da cabeza, pois sabía que chegara a hora fatal.
CORO B: (Con voz grave e medrosa).Cando os espíritos da terra e do mar se fan fortes e todo o que é santo treme e se acovarda, pois prevalece o espírito do pecado.
NARRADOR: O diabólico riso fíxolle arrepiar ata os ósos e contestou con xemidos ao son daquela gargallada. Chamou a aquela voz que traía o vento.
SANTO: (Xemendo, con voz entrecortada) Quen es?, de onde ves? Quen vai comer o santo na súa cela? Quen non teme ao libro, nin teme á campá? Quen non teme ao ceo, nin teme ao inferno, senón que vive de carne humana e lle senta moi ben?
NARRADOR: (Con voz grave e medrosa) O rexo xigante saíu da súa gorida cando escoitou as preguntas que soaban no aire. Entón serviuse unha copa chea de sangue e meteu as mans naquela comida ensanguentada. Fixo un signo coa man, vermella de sangue, e debuxouno sobre a area.
XIGANTE: (Con voz de xigante, forte e alto). Farei que trema e se acovarde o espírito de quen preguntou polo ogro de Chale. Rétoo a que se encontre comigo no terror da medianoite, cando os cornos da lúa estean sobre as nosas cabezas. Pois entón os espíritos de abaixo e os de arriba, e tamén os da terra, virán convidados a cear. Entón os diaños que cabalgan sobre o vento deserto, cantaranlle con lóstregos quen son e de onde veño.
NARRADOR: Cando secou o sangue do signo, escoitouse por todas partes un son asubiante.
CORO A: Cantou na cova dos trasnos de Culver.
CORO B: Cantou nos cantís e sobre as ondas.
CORO A: Cantou na praia xeada de Hecla.
CORO B: Cantou na area ardente do deserto.
CORO A: Cantou por riba das montañas e das nubes.
CORO B: O son baixou ata o fondo do océano.
CORO A: E espertou os quelpos do seu sono vespertino.
CORO B: E aínda que a noite era clara e tranquila, o vento parecía asubiar no outeiro de Catherine.
CORO A. Pero o son non entrou na capela sagrada, porque alí estaba o signo da cruz.
CORO B: O signo sanguento era un signo de poder para todos aqueles que foxen da luz.
CORO A: Tanto ten que sexa un trasgo ou un neno de barro, todos deben obecer o signo sanguento.
NARRADOR. O santo sentiu un gran medo cando as palabras do xigante soaron nos seus oídos.
CORO B: Pois o xigante era poderoso nas artes máxicas.
CORO A: E así como a de Halloween era unha hora de terror, non había hora máis aterradora que a da medianoite, cando os cornos da lúa están sobre as nosas cabezas.
NARRADOR: O santo fora retado a ir aquela noite, ou tería que recoñecer o seu medo á maxia do xigante.
CORO B: Levou consigo un bordón de freixo da montaña, o seu cabazo e a súa fe de pelegrín.
CORO A: Non desdeñou levar licor de cebada, para se protexer do frío, pois xa era vello e débil.
CORO B: A medianoite, saíu da súa cela solitaria cara ao pequeno val cheo de flores onde vivía o xigante.
CORO A: A cova do cruel xigante estaba nun fermoso val, preto do mar.
CORO B: O val estaba cheo de vida, pois nel medraban todo tipo de flores.
VIOLETA E ROSA: (Con voz animada e afrautada). Alegres violetas e rosas, altas en primavera, adornaban o camiño.
CAMPAÍÑA: (Con voz animada e afrautada). A campaíña azul saudouno movendo a cabeza.
NARCISO: (Con voz masculina). E o narciso amarelo sorriu ao seu paso.(Gargallada  ha, ha, ha).
QUEIROGA: (Con voz animada). A queiroga chiscoulle o seu olliño.
VINCAPERVINCA: (Con voz animada e afrautada). E a fermosa vincapervinca observouno con atención.
CABEZA DE DRAGÓN: (Bocexando). A cabeza de dragón abriu a súa boca amarela.
XIRASOL: (Con voz masculina). O xirasol virou o rostro cara ao sur.
ROSA: (Con voz de velliña). A rosa murcha, sorriu con orgullo de nai, aos pequenos abrochos que a rodeaban, ornados todos de gotas de rosada, como un colar de diamantes que chegase ata o chan.
DEDALEIRA: (Con voz nasal). A dedaleira mostrou a súa cara queimada polo sol e inclinouse facendo vulgares reverencias; axitou unha folla baixo un pálido raio de lúa, do mesmo xeito que unha dama move o seu abano.
MARGARIDAS: (A coro e rindo). E todas as margaridas do outeiro, coa cara amarela e os pétalos completamente brancos, parecían, todas elas, (risas das dúas) rir e menear a cabeza, como dicindo, se pudiesen falar, que aquela situación resultaba cómica.
CORO A: (Con voz forte) A de irse enfrontar cara a cara co xigante de Chale.
NARRADOR: Pero aínda que o val estaba cheo de vida, o paporrubio non vivía alí, pois era amigo do home e non podería comer na man dun ogro. Aínda que todos no val parecían rir e burlarse, (oénse risas e burlas do dous coros) non conseguiron amedrentar o santo. Estaba disposto a enfrontarse coa morte e coas cadeas, e un nobre espírito corría polas súas veas.
De súpeto, estoupou un lóstrego (óese un ruído de lóstrego), que encheu o santo de pavor e sorpresa. E, no camiño, xusto diante súa abriuse a caverna na superficie da montaña.
CORO A: (Con voz terrible). O chan da caverna non era de pedra, senón que estaba sementado de ósos humanos.
CORO B: (Con voz terrible). O xigante sentaba nun trono feito de caveiras e nas lámpadas ardía graxa dos homes que matara.
CORO A. (Con voz terrible). O mar estaba cheo de velas de trasnos.
CORO B: (Enfatizando nos S). E assss sssserpes e as víborassss bailaban ssssobre assss ssssúassss colassss.
CORO A: (Dando palmas). Os morcegos voaban arriba e abaixo.
CORO B: (Mentres, alguén fai o ruído do moucho e a seguir do corvo). Os mouchos ouleaban e os corvos grallaban.
CORO A: (Os membros do coro B dan palmadas). Os dragóns batían as ás cheas de escamas.
CORO B: Os escorpións amosaban o seu aguillón velenoso.
CORO A. Os espíritos apareceron baixo todo tipo de formas...
CORO B: Un tiña o aspecto dun mono coas pernas longas.
CORO A: (Alguén miaña). E outro era como un gran gato negro;
CORO B: (Alguén fai o ruído do porco bravo). E outro como un porco bravo.
CORO A: (Alguén imita o ruído da rata que chía). E outro como unha rata.
CORO B: Un era como un oso escuro e sorrinte, outro era como unha lebre apintarada.
CORO A: (Alguén imita o ruído de cuspir coa lingua). Outro como un sapo inchado, cuspindo o seu veleno no chan.
CORO B: (Mentres os membros do coro A rin, fan burla e mófanse). Rían, facían burla e mofábanse vendo que o santo viña onda tal esmorga.
CORO A: (Alguén imita o ouleo triste do moucho). O moucho ouleou o seu riso ao aire.
CORO B: (Alguén imita o gruñir do oso). E o oso gruñiu divertido.
NARRADOR: Era horrible ver e sentir a aquelas bestas mentres imitaban a seres humanos.
Sobre unha mesa, no canto dunha rebanda de pan, había unha cabeza cortada, pero aínda con vida. Rodaban pola mesa os ollos, xa sen vista e a lingua seca colgaba para fóra. O xigante pedira o seu prato favorito.
XIGANTE: (Enfatizando o R) Rrrrrrrrréptiles vivos e peixessssssss rrrrrrrepugnantessssssss.
NARRADOR. Traían a sopa en olas de barro.
CORO A: Os pintafontes que a portaban saltaban coa cola.
CORO B: As sambesugas entraban e saían rasteándose.
CORO A: Os vermes cegos e os lagartos serpeaban dun lado a outro.
NARRADOR: Cando os demos levantaron as súas copas, alzouse un grito, un berro, un ouveo.
CORO B: (Os membros do coro A lanzan o berro e ouvean). Velaquí unha maldición aos vivos e aos mortos!
CORO A: Pero botemos un brinde en honor da cabeza..., (berrando) da cabeza.
CORO B: Mira, vello, temos unha cacharela de carbón e turba:
CORO A: Queres que te asemos nela?
CORO B: Ou queres comer?
CORO A: Mira esta lagoa que xa ferve; estás xusto no borde.
CORO B: Queres que te cozamos nela?
CORO A: Ou queres beber?
NARRADOR: Sentiu tal desacougo que non foi quen de falar, nin de rezar. O voitre preeiro estaba sobre a súa cabeza e baixo os seus pés estaban os ósos dos mortos. E había esqueletos humanos deitados, e un deles virouse como se sentise dor. Pero cando o santo fixo o signo da cruz, recobrou a valentía; falou e dixo.
SANTO: Bendigo os vivos e bendigo os mortos; caia unha maldición sobre vós. Maldigo a cabeza e maldigo o outeiro; maldigo a praia e o chan que piso. Que esta terra non dea flor nin froito; senón que todo sexa escuro, ermo e espido! Que este chan non sirva de asento ás bestas que camiñan nin ás aves que voan, senón que todo o anegue unha corrente de auga velenosa que chegue ata o mar, unha auga de sabor amargo e de visión espantosa!
CORO A e B: (Con voz grave e lenta). E que a terra se derrube e se volva derrubar, e siga derrubándose ata o día do Xuízo Final.
NARRADOR: Cando acabou de falar, rodeouno unha mesta néboa. Deixou de ver a terra e deixou de ver o ceo. Pero, cando desapareceu a néboa, a terra víase negra, e as pedras víanse grises. Aos seus pés fluía un regato tinxido de sangue e o outeiro erguíase pelado e solitario.

Lenda da illa de Wight de ABRAHAM ELDER
DIARMAID E GRAINNE
NARRADOR: Fionn ía casar con Grainne, a filla do Rei de Carmag, en Irlanda. Os nobres e grandes señores do Feiine acudiron á voda. Organizouse unha gran festa, que durou sete días e sete noites. Cando rematou, os cans tiveron a súa propia festa coas sobras.
Diarmaid era un home realmente bo. O caso é que tiña a bola seirc, un lunar de amor na cara, que adoitaba ocultar baixo o seu sombreiro; facíao así porque calquera muller que chegase a verlle, por un casual, a bola seirc se namoraría del.
Os cans comezaron a pelexar violentamente e os heroes do Feinne fóronos apartar; cando Diarmaid estaba apartando os cans, botou para atrás o sombreiro e Grainne viu a bola seirc, namorándose perdidamente de Diarmaid.
GRAINNE: (Con voz feminina e amorosa) Fuxirás comigo.
DIARMAID: (Con voz firme e resolta) Non o farei.
GRAINNE: (Con voz de mandona) É o meu desexo; polo tanto, vas vir comigo.
DIARMAID: (Con voz firme e resolta) Non vou ir contigo; non te vou levar nin polas boas, nin polas malas; non vou saír contigo; non te vou levar de a cabalo, nin te vou levar de pé.
NARRADOR: Marchou desgustado e foi a un lugar distante, onde construíu unha casa, e alí se estableceu.
***
NARRADOR: Unha mañá alguén chamou e resultou ser Grainne.
GRAINNE: (Berrando) Estás aí dentro, Diarmaid?
DIARMAID: Estou. (Con voz firme e resolta) Non che dixen que non te había levar de a pé nin te había levar de a cabalo, que non había saír contigo e que non había ter nada que ver contigo?
NARRADOR: Ela estaba xusto no medio da porta, montada sobre un chibo.
GRAINNE: (Con voz firme e resolta) Non vou de a pé nin vou de a cabalo e ti debes marchar comigo.
DIARMAID: Non hai sitio ningún onde poidamos ir sen que Fionn nos descubra cando poña a man baixo o seu dente da sabedoría, e vaime matar por marchar contigo!
GRAINNE: (Con voz amorosa) Iremos a Carraig; hai tantos Carraigs que non saberá en cal podemos estar.
***
NARRADOR: Foron a Carraig an Daimh.
Fionn sentiu gran carraxe cando se decatou de que a súa muller marchara, e saíu a buscala.
Diarmaid e Grainne marcharon ata Ceantire, sen a máis mínima pausa, sen deterse en ningures, ata que chegaron a Carraig an Daimh, na bisbarra de Ceantire, preto de Cille Charmaig.
Diarmaid era bo carpinteiro e pasaba o día facendo pratos e pescando; Grainne adoitaba saír para vender os pratos, e durmían en camas separadas.
***
NARRADOR 2: Un día chegou polo camiño un home vello, grande e desamañado, que se chamaba Ciofach Mac a Ghoill. Sentou e botouse a xogar a dinnsirean.
CORO: A Grainne gustoulle aquel vello e ambos urdiron unha intriga para matar a Diarmaid.
NARRADOR 2: Diarmaid estaba traballando, facendo pratos. O vello púxolle a man enriba; el volveuse contra o vello, e lanzáronse un contra o outro. O vello era bastante forte, pero finalmente Diarmaid puido con el.
CORO: Ela colleu o gearrasgian, o coitelo, e cravoullo a Diarmaid na coxa.
NARRADOR 2: Diarmaid marchou, tropezando dun lado a outro; a penas conservaba a vida. Foille medrando o pelo e a barba. Camiñando, voltou a Carraig; tiña un peixe e pediu que llo deixaran asar. Mentres o asaba, meteu os dedos nun cacharro con auga que alí había.
CORO: Calquera cousa que Diarmaid tocase adquiría o sabor do mel.
NARRADOR 2: Grainne probou a auga e notoulle o sabor a mel. Chegou o vello Ciofach para atacar a Diarmaid e empezaron a bater o un co outro, pero finalmente Diarmaid matou a Ciofach e volveu marchar; fuxiu e marchou ata Loch a Chaisteil.
Cando Grainne viu que Ciofach estaba morto, foi tras Diarmaid. Cara ao mencer chegou á praia; alí había unha garza berrando. Diarmaid estaba no alto da montaña, e Grainne dixo:
GRAINNE: (Recitando) É cedo para que berre a garza, sobre o outeiro de Sliabh gaoil. Oh, Diarmaid O Duibhne, a quen dei o meu amor, por que razón berra a garza?
DIARMAID: (Recitando) Oh, Grainne filla de Carmaig dos Corceis, que nunca deches un paso a dereitas, parece ser que antes de berrar a garza mancouse nunha pata.
GRAINNE: Non che gustaría comer algo de pan e carne, Diarmaid?
DIARMAID: Se tivese, abofé que comería, porque o preciso.
GRAINNE: Vén e dareiche. Onde pode haber un coitelo para cortar o pan e a carne?
DIARMAID: Busca a vaina onde o puxeches a última vez.
NARRADOR 2: O coitelo seguía na coxa de Diarmaid desde que ela llo cravara, porque el nunca quixera quitalo. Grainne arrincou o coitelo; nunca tanta vergonza pasara como cando tivo que arrincarlle o coitelo a Diarmaid.
***
NARRADOR 2: Diarmaid temía que os Feinne os puidesen descubrir e fuxiron cara a Gleann Eilg. Subiron pola beira dun regato que alí había; alí se estableceron, e durmiron en camas separadas.
CORO: Diarmaid facía pratos e as labras da madeira baixaban polo regato ata a praia.
***
NARRADOR 3: Os Fiantan estaban cazando ao pé da praia e ían tras un violento xabaril do que perderan a pista. Fionn observou as labras ao pé do regato.
FIONN: Esas son as labras de Diarmaid.
CABALEIROS: Non son; Diarmaid está morto.
FIONN: Abofé que son súas. Imos berrar o grito de caza Foghaid! e, onde queira que estea, haberá de responder, porque xurou facelo.
NARRADOR 3: Diarmaid escoitou o Foghaid.
DIARMAID: Ese é o Foghaid dos Fiantan; debo responder.
CORO: Non respondas ao berro, oh Diarmaid; é un berro mentireiro.
NARRADOR 3: Diarmaid respondeu ao berro e baixou ata a praia. Acordouse que Diarmaid cazase o xabaril. Diarmaid encirrou o xabaril desde Bein Eidin ata Bein Tuirc.
CORO: Mentres o rasteaba pola gran montaña abaixo a besta ía levando a Diarmaid cara ao mar. As súas terribles gadoupas estaban retorcidas, como trenzas de xunco murchas.
NARRADOR 3: Diarmaid arrincou a espada que Lon Mac Liobhain fixera, púxoa baixo a axila e matou o xabaril.
Isto non abondou para que Fionn tomase venganza de Diarmaid. Diarmaid tiña un lunar na planta do pé e con que un pelo do xabaril se lle cravase no lunar morrería.
FIONN: Oh, Diarmaid, mide o xabaril. Cantos pés mide desde o fuciño ata o pezuño?
NARRADOR 2: Diarmaid mediu o xabaril.
DIARMAID: Mide dezaseis pés.
FIONN: Mide o xabaril poñendo os pés sobre o seu pelo.
NARRADOR 3: Así o fixo; un dos pelos entroulle no lunar e caeu. Fionn sentiu mágoa por el cando o viu caído.
FIONN: Hai algo que te poida aliviar, Diarmaid?
DIARMAID: (Cun fío de voz) Sentiríame mellor se puidese beber un pouco de auga traída por Fionn nas palmas das súas mans.
NARRADOR 3: Fionn foi buscar auga; se pensaba en Grainne, deixaba caer a auga; se pensaba en Diarmaid, sentía mágoa e leváballe a auga. Pero para cando regresou, Diarmaid xa estaba morto.
Ascenderon pola beira do regato ata onde estaba Grainne; entraron na casa; viron as dúas camas e comprenderon que Diarmaid era inocente. Os Feinne sentíronse terriblemente tristes polo que acontecera.
CORO: Queimaron a Grainne, filla de Carmaig dos Corceis, que nunca dera un paso a dereitas, con leña de carballo gris.
Lenda de Escocia de Jhon Francis Campbell

X. A. PEROZO: O enigma de Embívicus

1992
Ilustracións de Pepe Carreiro
Col.Sotelo Blanco Infantil e Xuvenil.
Sipnose:
Cali ten doce anos e vive en Embíbicus, vila veciña de Figueiras. Os seus habitantes son inimigos irreconciliables polo que os mozos deste, os “churris”, péganlle a Cali por verse con Susana, irmá do xefe da súa banda. Entre vinganzas, esta rivalidade chega á súa máxima tensión na festa de San Xoán, que celebran os de Embívicus na Praza Maior, en onde o seu enorme buraco-embigo centra a festa. A el baixa Cali a coller do fondo unhas flores para a súa moza que non se convertan en pica-pica. E desaparece. Só grazas a unha maga descóbreno xunto ao río que separa as vilas.
Desde entón os mozos fanse amigos e conviven no terreo común da “Fundación”, chegando a sufrir prisión Cali e os seus pois o alcalde decide illar o concello cunha muralla. Ata que o embigo e o río engolen todas as casas, salvándose só os mozos e a súa amizade.

Se queres saber máis sobre X. A. Perozo...

MALETA DE LECTURA. BIBLIOTECAS ESCOLARES E CFR-VIGO.

Contámosvos a nosa experiencia coa Maleta de lectura, unha actividade de Bibliotecas Escolares e CFR-Vigo.

Para ver a noticia e as nosas fotos, preme aquí...

ANA MARÍA MATUTE, GALARDOADA CO PREMIO CERVANTES

A escritora barcelonesa Ana María Matute foi galardoada co Premio Cervantes 2010, sendo a terceira muller que recibe o premio literario máis importante en lingua castelá. Recoñécese así a gran achega desta novelista ás nosas letras, na que diferenciaremos dúas facetas: a obra publicada para adultos e a escrita para un lector infantil e xuvenil.
Considerada unha das mellores narradoras da posguerra española, o seu labor en prol da lingua e a literatura non termina coas súas creacións, xa que traballa activamente como membro da Real Academia Española onde ocupa a cadeira de brazos K.
Desde a biblioteca recomendamos Olvidado Rey Gudú (magnífica novela onde atopamos un mundo e unha linguaxe propia), así como a recente edición dun volume que recolle todos os seus contos, La puerta de la luna. Cuentos completos.
A gozar da lectura!!!

Na nosa biblioteca temos desta autora:

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ REXEITA O PREMIO CULTURA GALEGA DAS LETRAS

O escritor Agustín Fernández Paz rexeitou o día 16 deste mes de novembro o Premio da Cultura Galega das Letras, nada máis coñecer que o xurado destes galardóns o distinguía co recoñecemento. Nun comunicado remitido aos medios, ao pouco de facerse público o fallo, Fernández Paz explica que ''cando os Premios da Cultura Galega foron convocados manifestei en diferentes foros o meu desacordo con eles''.

Sobre as razóns da decisión, Fernández Paz remite a un comunicado da plataforma ProLingua do 8 de outubro no que, baixo o lema 'Rosalía de Castro nunca aceptaría este 'premio'', se fai un chamamento ás persoas relacionadas co sector cultural a rexeitar os novos galardóns da Xunta.
Este é o contido do chamamento:

Chamamento a todas as persoas que traballan nos diversos ámbitos da cultura galega
Ante a convocatoria da Consellería de Cultura e Turismo dos «Premios da Cultura Galega», manifestamos que nin a actual Xunta nin o seu Presidente, responsables ante a Historia de lexislaren por vez primeira contra a nosa lingua, e polo tanto contra o marco xurídico e fronte ao consenso que posibilitou a súa presenza pública, poden atribuírse agora o papel de benfeitores da cultura galega.
Facemos, entón, un chamamento á sociedade e a todas as forzas políticas para recuperarmos o camiño da concordia. Un novo consenso que só pode articularse concibindo a lingua como parte esencial da nosa riqueza, nunca como problema, e que precisa agora da posición firme de todas as persoas vinculadas á cultura.
Temos o convencemento de que nin as brillantes sensibilidades nin as mellores intelixencias deste país aceptarán ser utilizadas para sancionar políticas que causan división arredor dun dos símbolos maiores da nosa convivencia. Desde esa certeza, xulgamos lexítimo non aceptar ningún premio que veña hipotecado por agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar con protocolario boato.
En Santiago de Compostela, o 8 de outubro de 2010


O xurado dos Premios da Cultura Galega 2010 determinou nunha reunión celebrada o día 15/11/2010 na Fundación Cidade da Cultura os sete premiados que recibirán os galardóns en recoñecemento do seu traballo creativo. Fernández Paz foi o galardoado co premio Cultura Galega das Letras ''en recoñecemento a súa traxectoria vencellada á escrita galega''. A súa candidatura foi realizada polo Consello da Cultura Galega e aprobada pola maioría do xurado.
Agustín Fernández Paz, coherente con este chamamento, rexeitou o premio e agradeceu o feito de que o xurado valorase a súa obra.

Estas son as obras de Agustín Fernández Paz que temos na biblioteca:


CLUB LECTURA MIXTO 1ª SESIÓN: A SEMANA DAS CIENCIAS

MADAME CURIE, ALTRUÍSMO E INVESTIGACIÓN DESINTERESADA

Feito por
Rebeca González, Persoal Administrativo do centro

O pasado día 15 de novembro celebrouse unha xuntanza do club de lectura na que o tema a tratar foi a premio Nobel “Marie Curie”. Para elo, os membros do club limos un libro sobre a súa biografía e tamén miramos unha película na que se plasmaba en imaxes o que antes leramos.

A reunión foi moi amena e interesante xa que entre o membros atópase a profesora Fátima Estévez que nos acercou, con anécdotas e comentarios, un pouco mais á súa vida.

O que mais me sorprendeu foi, por unha banda, o seu altruísmo á hora de traballar e que a súa motivación estaba baseada soamente en axudar á humanidade cos seus logros e non no seu progreso persoal, acadando un recoñecemento ante os demais, ou económico, incrementando o seu patrimonio, pois a súa vida era moi austera aínda que coas patentes dos seus descubrimentos podía haber vivido acomodadamente. Sen embargo, tanto ela como o seu marido facilitaron as súas investigacións a todo aquel que estivera interesado.

E, por outra parte, os escasos medios cos que tiña que traballar. De feito na película amósase o precario laboratorio no que traballaba, que mais ben era un alpendre, e os materiais que utilizaba, pois apréciase como no laboratorio se acumulaban grandes montañas de mineral do cal soamente se chegaba a extraer un gramo de radio.

Destacouse no faladoiro que foi unha muller pioneira en diversas cousas, pois foi a primeira en ser Premio Nobel, ademais foino dúas veces, en impartir clases na Universidade da Sorbona, etc., ademais de romper cos prototipos de muller-esposa-nai da época.

Penso que o que si nos quedou claro a todos os membros do club de lectura foi unha cousa: A impagable herdanza que nos deixou no campo médico e que hoxe todos damos por feito pero que foi o logro de toda unha vida xenial dedicada a ciencia, a cal debemos estar moi agradecidos.

Referencias das obras citadas


Gordon, Mercedes: María Curie, la descubridora del radio


LeRoy, Mervyn: Marie Curie

OBRADOIRO DE EXPRESIÓN ESCRITA: PICTOGRAMAS CELTAS

O día do magosto organizamos un obradoiro de pictogramas celtas a partir dunha selección de poemas.
Na elaboración do obradoiro colaboraron o departamento de plástica co deseño dos símbolos celtas, e os departamentos de lingua galega, castelá e inglés coa eleción dos textos.
O resultado foi un orixinal e bonito panel de poemas gráficos e moi estéticos (vease foto).


Selección de poemas

1. Memento, de Federico García Lorca
2. Verderol, de Xoaquín Agulla Pizcueta
3. Volver, de Jaime Gil de Biedma
4. Ti e máis eu, de Celso Emilio Ferreiro
5. Antiestación, de Ramiro Fonte
6. Cantigas de amor, de Fernando Esquío
7. Sudor, de Miguel Hernández
8. Wolf, de Mond Preieterin Leannan von Drachenberg
9. Extracto de I am the darker brother. An anthology of modern Poems:
9.1. We wear the mask, de Paul Laurence Dunbar
9.2. If the stars should fall, de Samuel Allen
9.3. From the dark tower, de Countee Cullen



SAÚDO DO CLUB DE LECTURA 2010/2011

O club de lectura O Moucho Azul comeza a súa andaina no curso 2010/11. Este ano o noso moucho terá dobre traballo porque o club desdóbrase: Por unha banda estará o Club de 4º da ESO, con actividades orientadas a aumentar o gusto pola lectura do alumnado deste curso e por outra haberá un Club Mixto formado por persoas de toda a comunidade educativa: alumnas/os, persoal non docente e profes do centro.

Para ver a noticia e as nosas fotos, preme aquí...

OBRADOIRO DE EXPRESIÓN ESCRITA: PICTOGRAMAS CELTAS

O día do magosto organizamos un obradoiro de pictogramas celtas a partir dunha selección de poemas.
Na elaboración do obradoiro colaboraron o departamento de plástica co deseño dos símbolos celtas, e os departamentos de lingua galega, castelá e inglés coa eleción dos textos.

Para ver a noticia e as nosas fotos, preme aquí...

SAÚDO DO CLUBE DE LECTURA 2010/2011

Ola!

O club de lectura O Moucho Azul comeza a súa andaina no curso 2010/11.
Despois da experiencia do curso anterior, este ano o noso moucho terá dobre traballo porque o club desdóbrase:
Por unha banda estará o Club de 4º da ESO, con actividades orientadas a aumentar o gusto pola lectura do alumnado deste curso...
...e por outra haberá un Club Mixto formado por persoas de toda a comunidade educativa: alumnas/os, persoal non docente e profes do centro.


Un saúdo a todas as persoas que participan nas lecturas e as actividades. E tamén para quen participades lendo estas novas no Blog. Ata pronto!

O Moucho Azul.