PROXECTO MULTIDISCIPLINAR 19-20: A TECNOLOXÍA NAS NOSAS VIDAS

Mostrando entradas con la etiqueta Actividades xerais 22-23. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Actividades xerais 22-23. Mostrar todas las entradas

AGASALLOS

 Esta semana entregamos agasallos ao alumnado que participou nas actividades do Día do Libro caracterizándose de personaxes literarios, e tamén aos que gañaron o concurso adiviñando todos os personaxes e relacionándoos coas súas respectivas obras. 

¡Noraboa e grazas pola vosa participación!


AÍ VÉN O MAIO...

 Estes días estivemos axudando a preparar o maio do Floriani que organiza o Departamento de Dinamización Lingüística. Mirade que chulo nos está quedando...





A ORIXE DO CINE EN GALICIA

 Hoxe o alumnado de 2º ESO asistiu a unha interesantísima actividade sobre a figura de José Gil, pioneiro do cinema en Galicia, e os primeiros tempos desa arte na nosa terra. Visitamos a réplica do camión no que José Gil trouxo o cinema a Redondela hai máis de cen anos e ata vimos unha divertidísima película de cine mudo con Javi e Lucía, de 2º de ESO, como explicadores de excepción. 

Por certo, o público de Redondela terá a oportunidade de desfrutar do camión, as proxeccións e a música este domingo, non o perdades!






LECTURA NA RÚA

 Hoxe participamos, xunto ao resto dos coles e institutos do concello de Redondela, na LECTURA NA RÚA organizada polo CEP Santa Mariña, a ANPA Ernestina Otero, o Concello e a Biblioteca Municipal con motivo do Día do Libro. 

Durante toda a mañá lemos, intercambiamos marcapáxinas, cantamos, bailamos, coñecemos novos amigos, reencontrámonos con vellos coñecidos... foi unha mañá moi divertida e enriquecedora. 

Noraboa ás organizadoras polo gran traballo realizado e moitas grazas por convidarnos á festa da lectura. 










8 DE MARZO - DÍA DA MULLER

Para celebrar o 8M, na biblioteca organizamos unha actividade na que participou un bo grupo de profesoras e profesores e case todo o noso alumnado de diúrno.

O obxectivo da actividade era dar a coñecer entre o alumnado o traballo dalgunhas mulleres da nosa historia que, en moitos casos, foi silenciado durante décadas ou mesmo séculos. Así, o día 7 de marzo visitaron o noso patio grandes figuras como Rosalind Franklin, Exeria, Hedy Lamarr, Frida Kahlo, Hildegarde von Bingen ou Ernestina Otero, entre moitas outras. O alumnado tiña que dialogar con elas para coñecelas un pouco mellor e poder responder  a un cuestionario e, así, participar nun sorteo. A participación foi todo un éxito, as nosas alumnas e os nosos alumnos pasárono moi ben, aprenderon e algúns deles ata levaron premio!

No equipo da biblioteca estamos moi orgullosas da xente do Floriani e desde aquí damos as grazas a todo o profesorado e o alumnado que participou na actividade. Sodes @s mellores!!















ENTROIDO EXIPCIO

 E despois desta semana tan exipcia, o profesorado do Floriani aproveitou o attrezzo da biblioteca para vestirse acorde con el. Non faltou ninguén: nin o faraón, nin a raíña, nin a momia, nin sequera a pedra Rossetta ou o río Nilo. 



ESCAPE ROOM EXIPCIA

O alumnado de 3º e 4º de ESO viaxou esta semana ao Antigo Exipto. Para volver, tiveron que traballar en equipo a contrarreloxo e atopar o escarabello dourado do faraón a partir dunhas pistas e acertixos. A "escape room" foi todo un éxito: divertíronse, aprenderon e, sobre todo, conseguiron volver, con máis ou menos axuda, á  actualidade. Houbo premios para os equipos que o conseguiron en menos tempo.  😉







E para rematar fixemos unha sesión extra cun grupo de 2ºde Bac que atopou un oco entre a voráxine que supón ese curso para escapar ao tempo dos faraóns... e volver para contalo e a tempo de participar na ABAU!








EXIPTO NA BIBLIOTECA


 Este ano dedicamos o Entroido ao mundo exipcio e así a temos decorada... todo listo para a actividade sorpresa da semana que vén!!







20 ANOS DO PRESTIGE

 En novembro de 2022 recordamos unha triste efeméride: o afundimento do petroleiro Prestige preto das nosas costas, que provocou a maior marea negra da historia de Galicia e que afectou moito a todas as Rías Baixas e, polo tanto, tamén a Redondela. 

A maior parte do noso alumnado non nacera aínda e moitos nunca oíran falar do Prestige, así que no Floriani dedicamos uns días a contarlles todo aquilo, a animal@s a preguntar nas súas casas e a descubrir por si mesm@s, porque a memoria é importante e coñecer o pasado é o único que nos pode salvar de repetilo. 

Aquí van algunhas fotos do que fixemos naqueles días: carteis, traballos sobre os ecosistemas mariños, exposicións... 








Pero tamén quixemos que algunhas das persoas da nosa contorna que viviron aquela situación de preto viñeran para contárnolo e organizamos unha charla con Julio e José Manuel, que hai 20 anos eran, respectivamente, vicepatrón maior da confraría de Vigo e armador. Eles viñeron falarnos, en primeira persoa, da súa experiencia loitando contra o chapapote coas súas propias mans, impedindo así que entrase nas rías e que a catástrofe medioambiental e económica fose aínda peor. Moitas grazas aos dous por acompañarnos naquela mesa redonda, por ensinarnos tanto e por responder ás nosas preguntas. E moitas grazas tamén porque hai 20 anos tiveron moi claro o que había que facer e non dubidaron en dar un paso á fronte para salvar a ría, a pesar da incerteza e a falta de medios. 




Por último, quixemos lembrar aquela histórica cadea humana que a principios de 2003 uniu as vilas de Laxe e Muxía, zona cero da traxedia, e na que participaron rapaces e rapazas chegados de institutos de toda a xeografía galega, incluído o noso. Así pois, o 1 de decembro o alumnado dos tres IES da vila de Redondela (IES Mendiño, IES Illa de San Simón e IES Pedro Floriani) fixo unha pequena cadea humana recordando aquel momento. No noso caso, serviu como colofón das tres semanas que dedicamos no centro a traballar o tema do Prestige.