PROXECTO MULTIDISCIPLINAR 19-20: A TECNOLOXÍA NAS NOSAS VIDAS

CHARLAS "Unha viaxe arredor do mundo das lecturas filosóficas" - 4

4ª Sesión: Unha viaxe a unha illa deserta: Señor das moscas
Quizais hai unha besta... quizais só somos nós

A cuarta sesión deste ano estivo dedicada a Señor das Moscas, unha novela de William Golding sobre uns rapaces que naufragan nunca illa e entran en contacto cunha besta da que non saben se é un espírito ou a propia brutalidade do ser humano que habita neles.
Para presentar esta charla, Fernando, Candela, Paula e Andrea analizaron os catro protagonistas, as formas de liderado que se dan en cada un, o seu carácter, a súa escena máis significativa e o seu símbolo; despois emparelláronse para facernos ver como cada líder depende doutro ou oponse a el.



1. Os catro líderes


Fernando explica o personaxe de Ralph: é o líder carismático que con só abrir a boca consegue a atención de todo o grupo. É amable, protector e sensato pero moi duro cando pensa que lle poden disputar o poder. O seu símbolo é a bucina e dásenos a coñecer nas primeiras páxinas, cando fala con Piggy e co grupo por primeira vez.

Paula “é” Jack, o líder militar. Leva consigo aos rapaces dun coro, uniformado e adestrado. Os seus símbolos son as pinturas e as lanzas e a agresividade é o seu trazo predominante; por isto se dedica á caza: máis polo gozo da matanza que pola necesidade de atopar comida. A escena que o define é unha na que, no furor da cacería, el e o coro acaban matando a Simon salvaxemente.

Piggy é o líder científico. Andrea explícanos que el é o que coñece a natureza (porque é quen de “vela”: o seu símbolo son as gafas) e é, coma as/os científicas/os de todos os tempos, un personaxe anónimo e que o grupo non sabe apreciar. De feito, non chegamos a saber o seu nome, ao final ráchanlle as gafas e mátano e, porén, el é o único que non se volve salvaxe e mantén ata o final o empeño en facer unha fogueira para que os rescaten.

Finalmente, Candela comenta o personaxe de Simon. É o líder espiritual, o que está en contacto cos espíritos, e a súa escena clave é aquela na que dialoga mentalmente co Señor das Moscas, a cachucha de xabaril que está cravada nunha estaca: non se sabe se o espírito está realmente presente ou se é un delirio de Simon, pero calquera das dúas posibilidades é terrorífica.


2. Os líderes, dous a dous


Ralph e Jack representan a substitución do poder violento polo poder civil democrático. Isto debería ser o ideal, pero vemos que hai moitos problemas: o liderado civil non é realmente democrático senón máis ben carismático, e isto fai que moitas veces se preocupe máis por manterse no poder que por beneficiar ao grupo; e, pola súa parte, o liderado militar supón sempre unha ameaza e tamén chega a buscar a violencia pola violencia, en prexuízo de todos.

Piggy e Simon comparten varias características polo que o autor os representa como animais similares: o porco e o xabaril. Piggy é civilizado e metódico mentres que Simon é salvaxe no sentido de que non fai lazo social e perde a noción da diferencia entre a súa mente e a natureza. Pero ambos teñen un final similar: o grupo vólvese contra eles e mátaos. Despois, o mar (a Historia?) fai desaparecer os cadáveres e borra as súas lembranzas.

A relación entre Ralph e Piggy reproduce moi inxeniosamente a relación que hai entre o estamento político e o científico na realidade. Ralph non pode facer nada sen Piggy, pero desprézao e presenta as súas ideas coma propias. E Piggy é o que sabe e coñece a realidade, pero non ten poder por si mesmo e necesita sempre facelo valer a través do líder.



3. Materiais para descargar

Coma sempre, o cartaz da charla:



E, coma sempre, a presentación multimedia coa que guiamos a nosa charla:






No hay comentarios:

Publicar un comentario