PROXECTO MULTIDISCIPLINAR 19-20: A TECNOLOXÍA NAS NOSAS VIDAS

O ESTRANXEIRO

O Estranxeiro (Albert Camus, 1942) é unha novela que permite discutir sobre moitos temas: a importancia das emocións e a razón, o colonialismo, o amor e a violencia na parella, a xustiza e a pena de morte, a guerra, a verdade e a mentira... Cada quen interpreta esta historia dun xeito propio, e sempre nos proporciona o pracer de ver discutir a persoas que teñen distintas opinións coa intención de profundar nos seus propios puntos de vista máis que de convencer á outra.
Na nosa reunión do club de lectura as dúas principais posicións estaban representadas por Celeste e Flora. Celeste entende que Mersault vive a morte da nai cunha emoción contida, que estoupa cando dispara por primeira vez contra “o árabe” e que lle fai dar despois os outros catro tiros; cando ao final está esperando que se cumpra a condea recupera o desexo de vivir, comprende á nai e imaxina a súa vida con María. Pola súa banda, Flora pensa que nel todo é insensibilidade: quere a María polo pracer que ten con ela, acostúmase sen problemas a estar deitado no cárcere esperando a morte e en ningún momento ten sequera un atisbo de arrepentimento polo asasinato que cometeu.
Pilar chama a nosa atención sobre os personaxes femininos da novela: a nai, María, as mulleres “árabes” (Hajar fainos ver que “árabes” son, en realidade, as persoas de Arabia, non as do Magreb...), a rapaza que toma notas nunha revista de televisión ou a muller automática que traballa no xulgado como estenotipista. Hai unha relación entre colonialismo e machismo, que se ve no xeito en que Raimundo trata á súa noiva “árabe”.
Charlamos sobre a xustiza, sobre a guerra, sobre a pena de morte... Emilio chama a atención sobre o tema do absurdo na obra de Camus: “Un non cambia xamáis de vida”.
Noelia aporta a perspectiva clínica: Pódese curar unha persoa como Mersault? O problema é que, en moitas ocasións, esa mesma falta de sentimentos é un síntoma doutro problema psicolóxico máis grave, quizais unha esquizofrenia ou un transtorno profundo da personalidade.
Acabamos a reunión con suxestións de novas lecturas (Obras de Camus, Sartre e Simone de Beauvoir que hai na biblioteca, comics sobre o existencialismo, Camus e Sartre, etc.), repartimos os libros para a próxima sesión... e levamos unha rosa para casa, para celebrar o día do libro. Parabéns a todas/os as/os lectoras/es!

 
Pica na imaxe para descargar a nosa
presentación multimedia sobre O estranxeiro

No hay comentarios:

Publicar un comentario