PROXECTO MULTIDISCIPLINAR 19-20: A TECNOLOXÍA NAS NOSAS VIDAS

SEMANA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA: CONCURSO E "ESCAPE ROOM"

 Para celebrar a Semana da muller e a nena da ciencia na biblio organizamos, en colaboración co Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, dúas actividades: unha aberta a todo o alumnado, con concurso incluído, e outra para levar a cabo nunha sesión de clase na que participou o alumnado da materia de Bioloxía de secundaria. 

A primeira actividade era un concurso sobre mulleres científicas actuais, no que había que dar resposta a dous pequenos retos.  Entre todas as persoas que acertaron sorteouse un pequeno agasallo. O gañador foi Samuel, de 4ºPDC. Parabéns! 

No "escape room" participou alumnado da materia de Bioloxía de secundaria e bacharelato, traballando duramente e a contrarreloxo para atopar o antídoto e librarse así dos efectos dun terrible gas tóxico que pululaba ás súas anchas ameazando o laboratorio/biblioteca no que traballaban. Case todas e todos saímos indemnes, especialmente os grupos que foron quen de organizarse para traballar de xeito colaborativo, algo case imprescindible cando o tempo apremia. 









A SEMANIÑA ENTEIRA

 O equipo de Dinamización Lingüística, coordinado pola profe Rosa Ligero, organizou un ano máis a Semaniña Enteira: unha semana de actividades e xogos a prol do uso do galego, no que a biblioteca participou gustosamente. Aquí, unha pequena mostra de todo o que deu de si esta semana: proxeccións de curtametraxes en galego, baile tradicional, xogos e actividades nos recreos...  foi xenial!






XOGOS DE MESA CON BRAZOLINDA

 O alumnado de 4º ESO, co seu profe Paulo, está traballando na materia de Proxecto competencial sobre os xogos de mesa. Levan xa varias semanas xogando cos xogos da biblio e con outros que lles facilitou o profe, pero esta semana recibiron unha visita moi especial: a empresa galega Brazolinda tróuxolles unha boa selección dos seus xogos e, ademais, explicoulles o proceso de creación dun xogo de mesa. Agora xa están listos para emprender a segunda parte do seu traballo deste curso: crear eles mesmos un xogo. Estamos desexando ver o resultado, seguro que saen grandes ideas desas cabeciñas! 






DÍA DAS ESCRITORAS

 



O luns 14 de outubro celébrase o DÍA DAS ESCRITORAS. 

Este ano as bibliotecas municipais de Redondela propuxéronnos aos centros de secundaria colaborar lendo e grabando os textos propostos desde a Biblioteca Nacional para a conmemoración deste día. E nós, claro, aceptamos encantadas! 

Para iso contamos coa colaboración de catro alumnas do centro, que nesta ocasión foron Noa Ferreira (3ª ESO) e Alba Fernández, Sandra Gómez e Promethea Iñarrea  (1º BAC). Elas foron as encargadas da lectura dos catro textos asignados á nosa biblioteca. A semana que vén poderemos escoitalas en Radio Redondela, non volas perdades! Moitas grazas ás catro pola súa disponibilidade. 

E grazas tamén ás bibliotecas municipais e a Radio Redondela por contar con nós. Agardamos seguir colaborando no futuro noutras iniciativas en prol da lectura, os libros e a cultura en xeral. 

Se queredes máis información sobre esta celebración, pinchade neste enlace das bibliotecas municipais. Ademais, aquí accederedes á lista de todas as bibliotecas de España que colaboran coa Biblioteca Nacional nesta iniciativa. 





EXPOSICIÓN DE COLECCIONABLES SOBRE MITOS

 O alumnado de 1º ESO e súa profesora Ángela Chantrero, de Lingua castelá, prestáronnos esta marabilla para expoñer na biblio. Trátase de coleccionables sobre mitos elaborados por eles tras a lectura do libro Mitos griegos, de Maria Angelidou. Dan ganas de mercalos todos!

Ademais, fixemos un concurso para elixir os mellores, que recibiron uns premios. Parabéns!!






 

OBRADOIRO DE LIBROS ALTERADOS

 Durante o mes de febreiro e coa inestimable colaboración de EUSEBIO RIVEIRO, profe do departamento de Debuxo e artista, levamos a cabo un OBRADOIRO DE LIBROS ALTERADOS. O obxectivo era darlles unha nova vida a algúns dos libros que expurgamos da nosa biblioteca o curso pasado. 

Pasámolo moi ben e, como podedes ver, o resultado foi marabilloso. Moitas grazas a Eusebio por guiarnos nese proceso transformador e ás alumnas que se animaron a participar, estamos moi orgullosas do resultado. 💚









A SEMANIÑA ENTEIRA

Esta semana a biblio tamén se apuntou á celebración da Semaniña Enteira que organiza o Equipo de Dinamización Lingüística do centro. Así, para homenaxear a Rosalía fixemos "tatoos" con versos de poemas seus e broches con flores de papel para decorar a nosa roupa.

E, por suposto, participamos no resto de actividades organizadas polo Equipo, das que vos deixamos aquí unha pequeniña mostra...










VISITA DA AUTORA SONIA MIRÓN

 O alumnado de 3º ESO recibiu hoxe unha visita moi especial: a da escritora e profesora SONIA MIRÓN, autora da novela que leron esta avaliación para a clase de Lingua castelá,  Un sol dentro de mí. 

Moitas grazas por acompañarnos nesta tarde, Sonia! Aprendemos un montón sobre o proceso de escritura dunha obra literaria e puidemos dar resposta ás dúbidas e curiosidades que se nos plantexaron mentres liamos o libro. Foi unha tarde moi interesante e produtiva. 

E, por certo, a novela en xeral gustou moito entre o noso alumnado, que quedou con ganas dunha segunda parte e así llo dixeron a Sonia. Se queres lela, pasa pola biblio!

UN SOL DENTRO DE MI | SONIA MIRON | Grupo Editorial Círculo Rojo SL | Casa  del Libro






OBRADOIRO CON ZAIDA NOVOA

O alumnado de 1º ESO desfrutou na biblio dun obradoiro de ENTINTADO DE PERSONAXE da man da ilustradora e profesora ZAIDA NOVOA. Pasámolo xenial e aprendemos un montón de cousas interesantísismas sobre como se crean os personaxes das películas de animación. 

Moitas grazas a Zaida por achegarse ao noso centro e á profe Inés Barros, de Debuxo, por facer as xestións para esa visita.