PROXECTO MULTIDISCIPLINAR 19-20: A TECNOLOXÍA NAS NOSAS VIDAS
S. JAUREGUIZAR: A coroa de Napoleón. Un misterio para Tintimán na Coruña.
Sipnose: Na cidade da Coruña celébrase o bicentenario da batalla de Elviña, e no medio desta celebración acontece algo que podería crear un importante conflito diplomático con Francia: a coroa de Napoleón cedida para os actos desapareceu. Para resolver a situación aparece Tintimán, unha sorte de xornalista-investigador, estudante de bacharelato cun máis que alto concepto de si mesmo, algo así como un superheroe algo impertinente que, axudado por amigos e o seu gato señor Grozni conseguirá resolver o problema malia os atrancos que se lle van presentando.
S. JAUREGUIZAR: Corazón de chocolate. Un misterio para Tintimán en Compostela.
Sipnose: Tintimán, un rapaz de dezaseis anos arrichado e algo insolente, herdou do seu pai a paixón por investigar misterios, o amor pola aventura e un axitado traballo de xornalista. En Corazón de chocolate, a cidade de Santiago de Compostela é un escenario emocionante e arriscado para o primeiro misterio que ten que descubrir. O reporteiro investigará se realmente existe a Irmandade Xelmírez, unha seita perversa, ou se só é unha lenda. Señor Grozni, un gato cun parche nun ollo, e Mónica, unha amiga que asegura ser a súa moza, achegaranlle a axuda precisa para que Tintimán descubra a verdade.
S. JAUREGUIZAR: O contador de estrelas
Sipnose: Antía estaba certa de que aquel ía ser o verán máis aburrido da súa vida. Debía botar dous meses acompañado á nai nunha base do servizo antilumes, no medio dunha chaira seca e calorosa. Pero cando coñeceu a Enver todo mudou; el abriulle a porta da astronomía e do namoramento.
Xuntos enfrontaron os incendios que provoca o misterioso Piloto vermello. Aquel verán acabou sendo o dos maiores lumes e o incendio máis xigantesco que coñecera o corazón de Antía.
O contador de estrelas, de Jaureguízar, é unha novela sobre o derrubamento da candidez, sobre o salto sen rede á madureza dunha rapaza que ve como o amor, a amizade, a aventura e a mentira lle dan a volta á súa visión inocente da realidade.
S. JAUREGUIZAR: O globo de Shakespeare
Sipnose: Un actor que soña con Shakespeare, un escritor que soña con limóns, unha muller que soña con ser correspondida polo seu home, unha vella que ficou soñando co noivo da mocidade, unha prostituta que soña con non sentirse soa e un vello que nada soña e que goza controlando os soños alleos, son os personaxes de O Globo de Shakespeare. O achado do primeiro Hamlet, a obra do soño e a morte, no pazo de Ribadeo onde se relacionan, asulagará os seus soños e as súas vidas. Esta novela, alén dunha homenaxe ao teatro shakespereano, supón, tras unha trama de intriga, unha reflexión sobre o espectáculo, o escape das vidas, a soidade e unha sociedade onde non hai posibilidades para o amor. O monifateiro Ricardo e o seu pai, o pintor Leandro, tras a tola e valleinclanesca procura do manuscrito agochado, emprenderán unha viaxe que, irremediablemente, rematará cun apoteósico final tráxico.
S. JAUREGUIZAR: Plastilina nos pulmóns
Sipnose: Nos anos 80, Annapurna, unha moza galega, acompaña o seu pai ao Himalaia, pois o home organiza unha expedición para procurar a cámara de fotos de George Mallory, que probaría que o inglés foi o primeiro montañeiro en coroar o Everest.
Agora é Namche, o fillo de Annapurna, quen, así que cumpre 18 anos, viaxa ao Tibet para desenguedellar os misterios daquela expedición, coñecer as súas consecuencias e saber máis do seu admirado avó Tomás. Para iso deberá afastarse do seu mundo, inclinacións xenófobas incluidas. E, no seu pescudar, chegarán respostas inesperadas.
S. JAUREGUIZAR: Unha cabana na lúa
Sipnose: A vida dun líder nunca é doada. Menos cando ese líder ten dez anos e unha nai que chora coas telenovelas e decidiu chamar Aquilino Antonio ao seu cativo. Aquilino Antonio, Lino, é líder dunha panda de rapaces aos que ten que guiar nas batallas contra a panda rival, para que constrúan un somerxible ou unha nave espacial na que viaxar á Lúa e construíren aló unha cabana.
S. JAUREGUIZAR: A cova das vacas mortas
Sipnose: Xoel e a súa nai, de orixe alemá, viven nunha comuna na aldea de Foxo. Soña con poder marchar e embarcar nun petroleiro. A vida de Xoel muda cando o seu avó, viúvo e enfermo de alzheimer, chega dende Berlín. Trae consigo unha chea de fitas de cine e unha cámara super 8. O vello cóntalle que foi colaborador da polémica e xenial directora de cine alemá Leni Riefenstahl, acusada de simpatizar co réxime nazi. Neses días Xoel coñece tamén a Iria, filla dun dos antigos propietarios das casas de Foxo, os cales comezaron a reclamar as súas vivendas ocupadas cando se construíu unha pista que fixo accesible o lugar. Entre eles nacerá unha historia de amor enfrontado; Iria defende o dereito dos antigos propietarios de Foxo a recuperaren as súas propiedades e ademais representa a crítica ao nazismo e a calquera tipo de colaboración con ese réxime, mesmo a que mantiña o avó de Xoel ao axudar na filmación de escenas nazis.
S. JAUREGUIZAR: Cabaret Voltaire
Sipnose: Un rexistro paródico e desmitificador é o pano de fondo que lle serve a Jaureguizar para contar unha historia de amor entre un enxeñeiro alemán (Wlhelm Kurtz) e unha muller galega (Nuria) que actúa nun cabaré da vila luguesa de Ribadeo. Comeza nos anos 30 en Ribadeo no Cabaret Voltaire, local no que ela baila lucindo unha cola de serea nun gran tanque de auga. Acaban fuxindo a Berlín, onde el se deixará arrastrar pola crecente marea nazi. Setenta anos despois, regresan a Ribadeo. Sen prescindir do sentido do humor e da narración axil e precisa, a novela logra transmitir a tensión dunha época dominada pola barbarie e os abusos do poder. A historia europea do século XX, serve ao seu autor para facer unha crítica irónica da violencia e da guerra.
S. JAUREGUIZAR: Casa Skylab
Sipnose: Daniel Rodríguez Patapao, cacique de Negueira de Rodríguez e propietario de Casa Ataúlfo, enfróntase a un grupo de hippies que se instalan nunha comuna exenta de colorantes e conservantes e comparten espacio vital con Antón Duracel, un babiolo que atopa o sentido da súa existencia cando se viste de coello para anunciar unha marca de pilas. Sobre todos eles sobrevoa o Skylab, unha estación espacial norteamericana que quizais estea buscando as gafas de Castelao, os xamóns que multiplicou Ramón Otero Pedrayo ou o sombreiro que vestiu a cabeza de Beiras custodiados no pub “Sempre en Galiza”, local rexentado por dous siameses que soñan con iniciar a loita de liberación nacional. Por alí pasa, tamén, o carteiro Pablo Neruda a contar o seu conto e chegan visitantes non desexados como o subcomisario Alberte Sanxil.
S. JAUREGUIZAR: Balea morta ou lancha a pique!
Sipnose: Expósito Vindeira, o capitán Thunderskin, o protagonista de A rutina corsaria, viaxa ata a illa de Nantucket nos Estados Unidos co obxectivo de visitar o barco co que Ahab dera caza á Moby Dick e que fora rehabilitado. Alí Thunderskin, pirata alcumado Pel de Trono, e os seus dous amigos corsarios, o mestre Henrique Ferreiro e o mariñeiro portugués Joao, tomarán por asalto aquel casco envellecido para procurar a nova grande balea branca, a arrepiante Dolly Dick. Ofrécenos Jaureguizar a segunda entrega de “As aventuras do capitán Thunderskin”, a primeira serie de novelas de piratas da literatura galega. Aventuras trepidantes, fantasía desbordada, humor a mans cheas, anacronismos deliberados (videoxogos, baleas clónicas…) e o teón de fondo constante da xenial Moby Dick de H. Melville constitúen algúns dos ingredientes desta novela fascinante.
S. JAUREGUIZAR: Breve crónica universal da clase obreira
Sipnose: Leticia e Raúl, unha parella tipo, anguriada polas continuas voltas de torca que ameazan a súa escasa estabilidade familiar, refliten o afogo dos menos afortunados, o mundo obreiro obrigado a loitar e sufrir todas as crises.«O operario da construcción lembra o que lle sucedeu. Sen nómina. Con muller. Con embarazo. Sen contrato. Sen futuro. Con abafo...».
Jaureguizar mestura diálogo, narración e crónica (comentario periodístico que inclúe unha explícita denuncia social) a través dun narrador interesado e contextualizadas por editoriais de prensa que condensan unha visión do mundo como productor de carnaza —obreiros— flotando nun mar de tiburóns famentos e avarentos. «Uns cen millóns de nenos no mundo viven e traballan na rúa...7,5 millóns de pícaros en todo o globo desempeñan empregos cualificados como de semiescravitude... A cidade máis rendible para practicar a mendicidade nas rúas en Asia é a capital de Tailandia, Bangkok».
S. JAUREGUIZAR: As horas sucias
Sipnose: O xornalista televisivo Carlos Seoane dirixe en Lugo o magazine diario Estamos.com. na Canle 69 e consideraba que, para superar a cota de pantalla, debía seguir a máxima do propietario da cadea, Indalecio Guilfrei, e o produtor do seu programa, Xabier Salguetti, “espectacularidade e sentimentalismo: audiencia”. Para superar a audiencia das Crónicas Marcianas de Tele 5 ou dos programas brancos da canle rival, Famigal, non dubidará en emitir mentiras ben contadas. Así pretenden conseguir en exclusiva as imaxes do secuestro de Manuel Rivas por parte dun grupo neonazi. Secuestro que resultará equivocado e dará pé á desaparición de Federico Rodríguez Novo, arqueólogo responsable do informe de patrimonio sobre a conveniencia de construír un centro comercial no antigo foro romano, feito que intentará desvelar o subcomisario de policía Alberte Sanxil.
S. JAUREGUIZAR: Salitre
Sipnose: Eduardo, antes de ir ao chiringuito que atendía o seu pai, gustaba percorrer na súa Rieju o quilómetro de area da praia de Llas. Asumira a obriga de botarlle unha man cando enviuvara hai seis anos. Os clientes da baiuca están preocupados pola aparición todas as noites dos golfiños, que veñen atraídos por un surfista descoñecido. Mentres os rapaces se divirten, a indignación dos pescadores vai en aumento e chega ao extremo da violencia.
S. JAUREGUIZAR: A rutina corsaria
Sipnose: Expósito Vindeira leva quince anos de fareiro na illa Pancha, na bocana da ría de Ribadeo. Un día decide mudar a súa vida, porque está canso de subir e baixar por unha torreta e facer os mesmos cambios de sinais. Nace así o Capitán Thunderskin. A nova vida que pretende levar requirirá dunha vestimenta axeitada, dunha arracada na orella dereita, dun barco veleiro de iroso navegar, O Repoludo, e unha tripulación de corsarios, con quen viaxar ata atopar o seu soño: coñecer o máis importante e temido pirata de todos os tempos: Sir Francis Drake. A rutina corsaria é unha emocionante novela de piratas, enchida de toda a fantasía e sabedoría dos mellores relatos do xénero, nela hai anacronismos deliberados, pois conviven nesta odisea sereas, dragóns e criaturas fantásticas con teléfonos móbiles, supermercados e parques temáticos.
S. JAUREGUIZAR: Comendo espaguetis diante da televisión
Sipnose: As moscas axudan a descompoñerse aos mortos que quedan ao aire libre. As do grupo califórido depositan os seus ovos nos orificios naturais e nos pregamentos da pel; logo deixan o traballo ás do grupo sarcofaguino, que chegan atraídas polo recendo do cadáver e viven nel durante seis meses, é dicir, durante doce das súas vidas.
Debe ser estraño vivir nun cadáver e irse alimentando del, os homes tamén o facían coas baleas. Logo puxeron grandes casas para facelo; agora moitas desas casas están abandonadas porque se lles están acabando as baleas.
S. JAUREGUIZAR: Todo a cen
Sipnose: Alex e maila súa moza Aintzane, filla de emigrantes galegos en Euskadi, viven mergullados na situación da mocidade radical vasca. Sobre un fondo de rock duro e violencia comezan as complicacións para a xove parella: un despedimento, un atentado, o roubo dun coche, a fuxida. Primeiro a Galicia, á Mariña luguesa, onde se une á aventura Uxío; e logo, atropeladamente, desesperadamente, a fuxida continúa ata Lisboa.
O autor utiliza un estilo moi rápido, de frases curtas, con moito diálogo; cheo de referencias musicais (hardcore, metal, rap e rock radikal vasco) e cinematográficas, coas ineludibles Pulp Fiction e Thelma e Louise.
S. JAUREGUIZAR: Fridon Spik
Sipnose: É un libro que soa como a guitarra de Kurt Cobain nun concerto de Pavarottis afónicos. Imprescindible para manter unha confianza razoable na sobrevivencia intelixente do ser galaico-humano. Necesario para os que tiñamos xa unha certa sospeita de que Jimmy Hendrix tamén comía cachelos (Antón Reixa, “La Voz de Galicia”). As peciñas que nos ofrece Jaureguizar poden poñerse á par da mellor tradición de narrativa curta. Tralla brava, auténtica arroutada, lume que queima o peito, iso son os relatos breves que poboan “Fridom Speak”. Jaureguizar contra o mundo e a repugnancia. O que se vén chamando literatura bravú. (...). O lirismo que tinxe a escrita de Castelao vese aquí desprazado por unha feroz e expeditiva exposición (Xosé M. Eiré, “A Nosa Terra”). Nesta terra de ninguén os mozos ven a vaca pacer mentres falan por teléfono dixital GSM e o tractor agarda no patio co motor encendido. Temos a impresión de que os personaxes de Jaureguizar están atrapados nun buraco negro (Xosé Cid Cabido).
ACTIVIDADE DE FOMENTO DE LECTURA EN GALEGO EN 1º DA ESO
Para ver a noticia e as nosas fotos, preme aquí...
ACTIVIDADE DE FOMENTO DE LECTURA EN GALEGO EN 1º DA ESO
Lecturas en colectivo (verso a verso e as glosas amenizadas a través do coro de tres voces femininas) e algúns/algunhas alumn@s, afoutos e espelidos, mergúllanse na lectura individual e coméntannos, ante a pregunta dos docentes, a súa disposición a recitar en público o Día da Poesía.
PEQUENA BIBLIO-BIOGRAFÍA DE SANTIAGO JAUREGUIZAR
Jaureguizar, escritor e xornalista, naceu en Bilbo en 1965 e logo asentouse na Mariña luguesa (Ribadeo) e na cidade de Lugo. Xornalista de profesión, traballa na sección de Cultura de El Progreso, onde mantén unha columna dominical sobre libros. Adoita colaborar en diversas publicacións galegas e tamén o fixo noutras españolas (El País, El Mundo) e portuguesas (Revista Periférica). No ano 2005 obtivo o Premio de Xornalismo Reimóndez Portela, é membro da Comisión Técnica de Periodismo Cultural do Consello da Cultura Galega e mantén aberto o blog Cabaret Voltaire sobre cultura galega e internacional (cabaretvoltaire.canalblog.com).
Compaxina o seu traballo como redactor no diario coa creación literaria. A súa obra inclúe tanto a novela negra coma a literatura xuvenil e mesmo é autor da peza teatral para rapaces Estación Mir (2003).
Como narrador ten publicados os seguintes libros:
Fridon spik (Edicións Xerais 1995, 2003), narracións breves.
Comendo espaguetes diante da televisión (Edicións Xerais 1998), novela finalistaPremio Xerais 1997. do
As horas sucias (Xerais 2001).
Breve crónica universal da clase obreira (Sotelo Blanco, 2002). Premio Lueiro Rey 2001.
Casa Skylab (Edicións Xerais, 2003). Premio Xerais 2003
Cabaret Voltaire (Galaxia, 2005).Premio Manuel García Barros 2005.
O Globo de Shakespeare (Edicións Xerais, 2008). Premio Terra de Melide.
É autor, ademais, das novelas xuvenís:
Todo a cen (Sotelo Blanco, 1995)
A rutina corsaria (Edicións Xerais 1998),
Salitre (Edicións Xerais 2000),
¡Balea morta ou lancha a pique! (Xerais 2002), finalista do Premio Barco de Vapor 2001.
A cova das vacas mortas (Xerais 2006), Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil 2006.
A Feroz Batalla da Charca (Baía Edicións), finalista do Premio Meiga Moira 2006.
Plastilina nos pulmóns (Edicións Tambre. Edelvives 2007).
O contador de estrelas (Ed. Edicións Obradoiro, 2009).
Ademais é autor da serie de novelas protagonizada polo novo detective Tintimán: Corazón de chocolate. Un misterio para Tintimán en Compostela (Xerais 2010) e A coroa de napoleón. Un misterio para Tintimán na Coruña (Xerais, 2010).
Foi tamén autor de Galicia, un balcón espiritual sobre o Atlántico, unha guía sobre o país que o Xacobeo editou en xaponés. Ademais de intervir en congresos e impartir conferencias por toda Galicia sobre literatura galega e literatura en Internet; ofreceu charlas no Centro Cultural Portugués Orfeu de Bruxelas (2004), a Universidade de Cáceres (2004), Casa de Galicia en Madrid (1999), Universidade Nova de Lisboa (2005), Universidade do Minho (2005) e na Frei Universitat de Berlín (2005).
Así mesmo exerceu de xurado dos premios literarios Blanco Amor (2003), Lueiro Rey (2002), Terra de Melide (2002), Ánxel Fole de Conto do Concello de Lugo (2006) e do Premio XeraisPremio de Periodismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro (2004) e do Festival de Curtametraxes On&Off de Ribadeo (2008).
CLUB LECTURA MIXTO 3ª SESIÓN: LIBROS DE SOBREMESA
O pasado martes, día 21 de decembro do 2010, os membros do club de lectura mixto tivemos una reunión na sala de titorías coa finalidade de comentar o libro: Momentos Estelares de la Humanidad de Stefan Zweig. Na reunión estivemos comentando o libro, e a maioría de nós falamos e comentamos o capítulo que máis nos gustou, aparecendo aquí os gustos de cada un de nós. Despois dun anaco comentando o libro e de sacar unas fotos puxémonos a falar do “futuro” do noso mundo, o que nos depararía o “futuro”, e si dun xeito igual, esta etapa próxima pasase a formar parte doutro gran libro que recorde feitos do pasado igual que Momentos Estelares de la Humanidad.
Reseña de Víctor Rey Lago, alumno de 1º de Bacharelato - Ciencias e Tecnoloxía.




